fbpx
666rpmCompostela

Mad Martin e o Bungalow Studio: Botando toda a carne no asador

Por César Varela (@imitoaquenson), de Historia do Rock Compostelán

Mad Martin, no Bungalow Studio. Foto: Mónica Pato

Teño que recoñecer que, en case que 30 anos que levo adicándome a escribir sobre música, nunca pisara un estudio de gravación, salvo nunha ocasión na que non me quedou máis remedio, xa que eu mesmo era a voz cantante. Pero esa é outra historia que non vén agora a conto… Sempre fun máis de achegarme aos locais de ensaio, cando o grupo xa rematara de preparar o repertorio, ou se tomaban un pequeno respiro, aínda que tamén me teño chupado uns poucos ensaios de bandas locais. Teño quedado con bandas en bares e en salas de concertos, para entrevistalos despois das probas de son, ou das actuacións en directo. Tamén era habitual que cando a gravación xa estaba rematada, os músicos ma enviasen e os entrevistara en directo no meu programa de radio. Os músicos nunca soen convidarte a que te pases polo estudio cando están gravando, e é do máis normal. Aí é onde teñen que dar o callo e poñer toda a carne no asador, para que o produto final sexa convincente. Así que, cando hai uns días Martín me convidou a pasarme polo seu estudio de gravación, a idea pareceume fascinante.

https://www.youtube.com/watch?v=ctgR-BQhQtk

Era a reinauguración, evolución e trasformación do Bungalow Studio, que despois de oito anos de rule presenta un aspecto renovado, reformado e acondicionado tanto acústica coma técnicamente, con imaxe de estudio de gravación profesional, no que podes gravar, mesturar e masterizar en Compostela. De feito, xa o levan tempo facendo bandas coma a Bakin’ Blues Band, Los Chavales, Thee Boas, The Fabulous Resaca Brothers, Grüvzilla, Sinestesia, Monoulious DOP, FUME… E coñecendo como coñezo a Martín e ás bandas que por aí pasaron, estou seguro de que a calidade é 100% profesional.

A primeira vista atópaste cun Bungalow (de aí o nome) no que ao mesmo tempo que podes gravar un disco no seu interior, podes aproveitar para facerte un churrasco no exterior sen ningún problema, xa que ten uns veciños moi chachis, ou eran chachos? Con isto, non sería de estrañar que algún día se lles dera por fusionar estilos e facer algo innovador coma por exemplo, Gipsy-Rock-A-Billy! Todo sería probar e deixarse levar…

Foto: Mónica Pato

Martín Esturao (Los Pharaones, Pedramol, The Tombstones, Clan Moriarty, Jacobs Name, Los Feliz, Manitou, Doctor Gringo) sempre foi moi de tríos, así que, nun principio só, e cos anos, acompañado de Chuko e Gilbert, foi pouco a pouco levantando o estudio. O mesmo lle pasa coa música, funciona como trío de Rockabilly, nesta ocasión acompañado de Trilli á batería, Mikelini ó contrabaixo e el mesmo á guitarra e voz principal, actualmente como Mad Martin Trío desde o 2014.

Despois de pasarse anos percorrendo gran parte da xeografía (Noruega, Suecia, Finlandia, Alemania, Portugal, Francia, España…) e con varios discos ao lombo, agora están a piques de presentar o seu novo traballo discográfico, aínda que este terá a particularidade de estar exclusivamente feito en galego. Como adianto, xa presentaron aí atrás o tema “Rock en Belvís”, ao que se lle sumarán outros títulos, que darán forma a un E.P. que estará dispoñible tanto físicamente, como nas habituais plataformas dixitais.

Bótalle un ollo ao sitio web do estudio e non te perdas as súas próximas actuacións en directo, das que informan puntualmente nas redes sociais. Estate pendiente chacho! Que se van de gira en la fregoneta!!