Lusco & Fusco, a torta de cereixa de Twin Peaks

Por Ruth Ríos

Hoxe ímonos a USA sen saír de Compostela. O espírito viaxeiro de Jack Kerouac ponnos na estrada e condúcenos directamente a Chicago. De alí chegou hai máis de dez anos Jessica Mackowick, xerente de Lusco & Fusco. Namorada da cidade, puxo en marcha o local en 2015 coa intención de traernos un anaco do espírito das merendas do seu país. De feito, a decoración é unha divertida fusión entre o norteamericano e o galego. Non vos perdades o retrato de Lincoln customizado ao galaico. 

Para refrescarnos do caloroso xuño compostelán, Jessica ofreceunos á nosa chegada dúas limoadas naturais. E non, o que vedes na foto non é mojito aínda que se lle parece polo toque de menta.

Despois de acougar a sede, preguntámoslle á nosa anfitrioa que nos recomendaba do amplo universo que se abría ante nós. Ela descubriunos os scones, pequenos pans redondos moi comúns nas merendas anglosaxoas. Feitos con fariña de trigo, centeo ou avea, manteiga e fermento, están exquisitos acompañados dun pouco de marmelada de fresa.

Despois dos scones, Jessica regalounos o gran momento da tarde: a clásica e televisiva torta de cereixa e arandos, que seguro pasaría o esixente exame do axente Cooper de Twin Peaks. E é que existe algo máis americano que unha porción de torta de cereixas e un café?

Do mesmo xeito que o resto de repostaría de Lusco & Fusco, a torta é totalmente caseira e con produtos frescos e naturais. Gustaríame resumir nunha soa frase o intenso sabor dos froitos vermellos sen estenderme nunha descrición digna de Proust así que só podo convidarvos a probala por vós mesmos.

Con respecto ao resto da oferta, Lusco & Fusco caracterízase por “pasteis tradicionais ao estilo americano, como pies, galletas, brownies, cinnamon rolls (rolos de canela) e diferentes tipos de cakes. Ademais, ofrecemos unha gran selección de cafés -hainos pouco comúns como o moka ou o irlandés-, infusións, chocolates especiais no inverno e ata catorce variedades de tés”, comenta Jessica.

As estrelas da casa son a torta de cenorias e os bagels.

O local é un sitio agradable e tranquilo polo que durante o inverno é frecuentado por estudantes e profesores que van ler, traballar ou mesmo practicar inglés. De feito, desde setembro hai grupos que se reúnen para falar dos temas máis variados neste idioma. É unha oportunidade perfecta para mellorar o inglés ao mesmo tempo que tomas un chocolate á calor da cheminea.

Ademais, ten unha pequena biblioteca onde podes escoller o libro que queiras ou mesmo intercambiar un teu por un seu.

A este tipo de visitante, únense os peregrinos, especialmente os norteamericanos, que senten como en casa cando entran en Lusco e Fusco pola simpatía de Jessica e o ambiente que se respira.

Antes de irnos, preguntámoslle a Jessica por que recomendaría ir a Lusco & Fusco. “Porque é un sitio diferente e acolledor onde usamos os mellores produtos de Galicia para facer os mellores pasteis dos EEUU!”, respóndenos.

Así que xa sabedes, este verán a terraza do Lusco & Fusco é un bo lugar para gozar dunha verdadeira merenda norteamericana.

 

Lusco & Fusco Bakery Café

Campo de San Clemente, 11
Santiago de Compostela
717 70 68 78
Aberto de luns a sábado de 08:30 a 21:00