Lucía Freitas participará no Mahou Urban Food Festival que se celebrará en Vigo do 23 ao 26 de maio

A chef compostelá cunha Estrela Michelín, Lucía Freitas de A Tafona, será unha das participantes do Mahou Urban Food Festival (M.U.F.F., antes ‘Mercado de Sabores’), un evento que se celebrará no Auditorio Mar de Vigo os días 23, 24, 25 e 26 de maio e que unirá cervexa, gastronomía e música.

O showcooking de Freitas terá lugar o venres 24. O sábado 25 será Luis Veira de Árbore da Veira o que amosará en directo as mellores técnicas culinarias coa participación do público. E o domingo 26, será o turno de Inés Abril de Maruja Limón.

Pero esta non será a única presenza compostelá no evento organizado por Mahou. Así, os asistentes ao M.U.F.F. poderán degustar as propostas gastronómicas preparadas para a ocasión polo restaurante A Horta do Obradoiro. O resto dos establecementos participantes son Intenso (A Coruña), Manolo Mañanita (Cangas), Regato (Redondela), Taberna Atlántica (Vigo), Mijo (Vigo), María Manuela (Vigo), Garden (Vigo), Pintxoteca Mar (Vigo), La Carpintería (Vigo), Patouro (Vigo) e Adega das Caldas (Ourense).

A esta oferta súmanse as exhibicións diarias de tiraxe nas que poderá participar o público asistente gratuitamente e o ‘Concurso de Tiraxe e Cata’ do domingo 26, que se celebrará entre os establecementos asistentes. Ademais, como novidade nesta edición, existirá un espazo experiencial no que os asistentes poderán degustar unha ampla variedade da gama de cervexas do grupo cervexeiro.

Sofía Ellar.

Sofía Ellar.

Programación musical e de lecer
Dentro da vertente musical, Sofía Ellar actuará o xoves 23 de maio a partir das 22.30 h en formato electroacústico. A este concerto súmanse os de Broken Peach e Smile, o venres 24 ás 22:30h e o sábado 25 de maio ás 22:45h, respectivamente. Todas as actuacións musicais son gratuítas.

Ademais, coñecidos DJ locais como DJ Edu Romeu, DJ Bruno BAW (Mondo Club e Radar Estudios) e DJ Chuti (Calma Chicha), entre outros, completarán a programación musical subidos a orixinais DJ Set que sorprenderán ao público, todos os días en ata tres sesións por xornada.

Como novidade este ano, os asistentes que o desexen poderán gozar, da man de expertos en cada unha das materias, dunha zona de talleres con diversas actividades gratuítas como customización de bolsas, camisetas e táboas de skate, bodypaint, upcycling ou fotografía gastronómica. Esta zona, na que non faltarán as catas de cervexa, estará aberta ao público todos os días durante o horario completo de apertura do M.U.F.F.