fbpx
GaliciaNovas

Lucía Freitas, Jorge Gago e Óscar de Toro estarán no Pop Up Galicia Saberes y Sabores en Madrid

Do 12 ao 21 de abril a Fundación Artesanía de Galicia estará de novo no Palacio Santa Bárbara de Madrid celebrando o ‘Pop Up Galicia Saberes y Sabores’. Disporán dun espazo cunha selección de pezas de máis de cincuenta artesás e artesáns e expositores de Artesanía de Galicia e produtos de alimentación e cosmética. Un completo programa que inclúe talleres de artesanía abertos para familias, catas, degustacións, presentacións e showcookings con recoñecidos cociñeiros galegos.

En paralelo, a terraza GALICIA será un punto de encontro gastronómico e de lecer, que contará con especialidades galegas no menú.

Tamén se presentará a nova plataforma www.plazasabastosgalicia.com. Esta iniciativa non se trata de vender os produtos online dunha praza de abastos, senón dunha central de venda formada por comerciantes de diferentes prazas de abastos de Galicia (todas elas asociadas a Fepragal).

Presenza gastronómica compostelá

Entre todas as actividades programadas, os madrileños poderán gozar do bo facer da chef compostelá Lucía Freitas, do restaurante cunha Estrela Michelin e un Sol Repsol A Tafona, que impartirá o obradoiro sobre preelaboración de distintos peixes, mariscos e algas ‘Do mar ao prato’. Será o venres 12 de abril, de 16:00 a 18:00 horas. Ademais, o sábado 13 ofrecerá un showcooking de 13:30 a 15:00 horas.

O tamén chef do restaurante santiagués A Maceta, Jorge Gago, ofrecerá un showcooking o venres 12 de 20:00 a 21:30 horas.

Tamén o barista compostelán Óscar de Toro, da cafetería Venecia, terá varios actos durante a fin de semana. O sábado e o domingo, de 17:00 a 18:30 horas, impartirá o obradoiro ‘ Descubre una leche ÚNICLA’. O sábado, de 20:00 a 21:30 horas, fará o propio co taller ‘Sensaciones del Sabor’. E de novo o domingo, o tamén campión galego de Beer Master, presentará o obradoiro ‘Servicio Perfecto by Estrella Galicia’, de 12:30 a 13:30 horas.