fbpx
GaliciaReportaxes

Lucía Freitas, Galicia Calidade e o amor pola terra

Por Rebeca Munín

Lucía Freitas. Foto: Mero Afonso

Ten unha Estrela Michelín, numerosos premios, dous restaurantes en Compostela, un que xestiona en New York e o soño de abrir un local en Xapón. Lucía Freitas é a nosa chef máis internacional. E pode que tamén a que máis orgullo trasmita pola súa terra. Por iso para ela é tan importante que A Tafona sexa unha das 62 empresas que conta co selo de Galicia Calidade. “É unha marca coa que me identifico moitísimo. Supón apostar polo produto de proximidade. Implica amor pola terra e amor polos galegos”, opina.

As Bodeguillas de San Lázaro e Santa Marta, Galipizza, así como O Curro da Parra e o Hotel Pazo de Altamira, son outros dos locais composteláns tamén certificados pola calidade dos seus servizos e das súas propostas gastronómicas. Pronto se lles sumará Lume, o proxecto que Lucía abriu fronte á Praza de Abastos fai un ano. “Que o selo estea enfocado tamén ao sector hostaleiro está moi ben porque nos fai crecer”, sostén. Para Freitas é o mesmo que teñas un pequeno bar ou un premiado restaurante. Ela quixo dotar á Tafona co selo Galicia Calidade porque representa os valores cos que traballa. “Non é só a Estrela Michelín importante. O selo é máis galego, máis de identidade. A Estrela pode estar aí aínda que non representes á cociña da túa terra”, explica.

Todos estes locais santiagueses pertencen á plataforma Galicia Calidade Lecer, que agrupa establecementos de ocio, restauración e hostalería galegos con calidade certificada. Para poder contar con este selo de garantía, deben contar tamén co selo Q de Calidade turística e ter, no caso dos restaurantes, unha oferta gastronómica con produtos avalados polos selos certificación de orixe de Galicia. “Penso que como galegos debemos sumar, debemos profesionalizarnos cada vez máis. E unha ferramenta como o selo Galicia Calidade axuda a todo isto”, di.

Galicia como bandeira

Polo seu traballo, Lucía viaxa moito ao longo do ano e non hai nada que a faga máis feliz que percorrer o mundo levando Galicia como bandeira. “Por España os galegos temos a fama de, aparte de ser moi bos currantes, de ter moi bo produto: na horta, nas carnes, nos peixes… Eu penso que o que tivo a primeira idea de impulsar esta marca fíxoo moi ben. Porque fas que dentro das cabezas das persoas se asocie a calidade á nosa terra”, afirma. E fóra do país? “Cando vou a New York, os produtos que chegan teñen o selo Galicia Calidade. Iso di algo”.

O seu novo reto está no país nipón. “Gustaríame que de aquí a dez anos en Xapón se falase da cociña galega igual que se fala da vasca. Soño con abrir o meu propio restaurante alí. E cando soño algo normalmente non paro ata que o consigo”, advirte. De feito, xa leva tempo visitando o lugar para amosar as virtudes da nosa gastronomía, que ten, curiosamente, moitas similitudes á xaponesa. “Agora vou ter unha visita duns xaponeses para ensinarlles o que fan Galicia Calidade, Artesanía de Galicia, Turismo de Galicia… Porque hai moitos países que teñen cousas moi boas pero que non as saben aproveitar, non teñen organismos que dean forza e impulso aos produtos de orixe”, conta Lucía.

Despois de moitos anos de esforzo – e aínda que poida parecer imposible con tanto traballo – a cociñeira di estar nun momento de moita tranquilidade: “Agora mesmo o máis bonito que teño, aparte do meu fillo, é que a xente me escoita. Podo falar e podo axudar aos que non teñen voz. Moitas mulleres dinme que me ven como un referente. E para min é un orgullo. Xa non é por min. É por tantas e tantas mulleres que só teñen que crer que valen. Eu fai cinco anos collía reservas para meses despois e non sabía se ía estar aberta. Iso é duro. E ao final conseguino! O que fai falta na vida é ilusión”.