Loscil, Drew McDowall, Holly Herndon e outros grandes artistas de vangarda, nunha nova edición do WOS Festival

Presentación do WOS Festival.

WOS Festival x SON Estrella Galicia volverá situar Santiago de Compostela no corazón da exploración contemporánea e da creatividade de vangarda entre o mércores 11 e o domingo 15 de setembro, enchendo durante cinco xornadas a cidade con preto de medio centenar de actividades. Os organizadores agardan repetir o éxito do ano pasado reunindo a máis de 3.500 espectadores neses 5 días.

A edición presentouse nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi coa participación de Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director de Agadic; Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais; Víctor Mantiñán, responsable de Patrocinios Música de SON Estrella Galicia; e Iván Arias, director da axencia Work On Sunday, organizadora do evento.

O cartel de música e artes visuais e tecnolóxicas desta edición inclúe nomes destacados como Loscil, Drew McDowall, Holly Herndon, Rafael Anton Irisarri, Plaid, Amnesia Scanner ou Gazelle Twin, entre outros. Ademais, catro subprogramas complementan o cartel musical do evento: un programa de paneis de discusión e encontros con artistas de acceso gratuíto, un ciclo de cinema en torno á arte sonora e a exploración musical, dúas noites de club, e un evento orientado a mostrar o traballo de artistas galegos destacados no campo da creación contemporánea.

Gañador de senllos premios pola súa edición do ano pasado ao Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards e á Mellor Promoción Turística nos Iberian Festival Awards, Iván Arias destacou como principais protagonistas da cita a importancia da cidade e os seus espazos, así como as experiencias únicas que posibilitan para cada asistente. O deseño do festival ten moi presente a riqueza que ofrece Compostela e busca ofrecer ao público unha experiencia que non é posible atopar en ningún outro sitio.

O festival engade esta edición dous espazos novos: o Paraninfo da USC, unha sala barroca construída no século XVIII e reservada para actos solemnes, que acollerá o concerto inaugural a cargo da pianista Mariña Herlop, e a sede de Afundación, no edificio catalogado de Interese Cultural Casa Grande do Pozo, que acollerá unha parte do programa de charlas. Repiten un ano máis como sedes do festival o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Cidade da Cultura, a Fundación Eugenio Granell, o Teatro Principal, o Salón Teatro, a igrexa da Universidade, o Mercado de Abastos, a Sala Capitol, a sede da Fundación SGAE e a sala de cinema independente Numax.

Música e artes tecnolóxicas e visuais
En canto ao cartel de música e artes tecnolóxicas e visuais, destaca en primeiro lugar como espectáculo singular a colaboración entre Helm, quen estará presentando disco, e o artista visual xaponés Tatsuya Fujimoto, no que será unha premiere realizada en exclusiva para WOS. Ademais, esta edición está cargada de presentacións de discos: Loscil, Blanck Mass, Rafael Anton Irisarri ou Konx-Om-Pax. Tamén haberá a oportunidade de gozar do directo de artistas moi difíciles de ver como os noruegueses Deaf Center, ou a primeira vez en España dunha das grandes revelacións de 2019, o saxofonista danés Bendik Giske, e os ugandeses Nihiloxica. Tamén será a primeira vez que se interprete nun festival español a performance de Drew Mcdowall e Florence To, tras o seu paso por Dnit Caixaforum, e a segunda vez na que aclamada artista multidisciplinar e experta en Intelixencia Artificial Holly Herndon presentará o seu novo traballo, Proto, na Península.

Cine, showcase e clubbing
Pola súa banda, o programa WOS Cinema x Numax presenta tres películas en torno á arte sonora e a exploración musical. As películas requirirán dunha entrada independente adquirible a través da web de Numax, e están abertas ao público xeral. O programa de cinema do festival incluirá a celebrada Ryuichi Sakamoto: Coda; a estrea en España da primeira entrega sobre John Zorn do cineasta Mathieu Amalric, Zorn I (2010-2017), e a galega 7 Limbos, presentada polos seus directores Alexandre Cancelo e Berio Molina e un dos seus protagonistas, Miguel Prado.

O programa WOS Showcase x Jägermusic, que terá lugar na sede da Fundación SGAE a noite do xoves 12, presenta unha selección de cinco artistas galegos destacados na produción musical explorativa, contemporánea e de vangarda: Xoan Xil (baixo o nome Xiselr, a galega afincada en Bruxelas Clara!, o dúo galego-británico Harrga, a chelista Margarida Mariño e o compostelán Chago.

O programa WOS Clubbing, que terá lugar na madrugada do venres e o sábado e para o que será posible adquirir entradas independentes, xunta cinco grandes nomes da electrónica: Kode9, fundador e director da discográfica Hyperdub; Bill Kouligas, fundador e director da discográfica Pan; Konx-Om-Pax, responsable da imaxe gráfica de artistas como Oneohthrix Point Never; e o supercombo formado por Elena Colombi B2B Olivia, por segunda vez xuntas tras a súa arrasadora sesión no festival Unsound do ano pasado.

Entradas
Os abonos Weekend (venres, sábado e domingo) e Premium (acceso aos cinco días de festival) aínda poden ser adquiridos a prezo de anticipada en wosfestival.es e na web de Resident Advisor. As entradas de día xa están tamén á venda na web do festival.