Liridade Noctámbula, de cando o blues en galego chista máis que en castelán!

Ramón Rey canta, compón  e toca a guitarra no grupo. Foto: Iván Barreiro.

Ramón Rey canta, compón e toca a guitarra no grupo. Foto: Iván Barreiro.

Dúas figuras masculinas camiñan ao lonxe. Visten de escuro. Altos, delgados. Moi tesos e rostros serios. Non se deteñen. Non sorrín. Parece que estou una escena dunha peli de hai tempo, desas de branco e negro! O ceo está tinguido dun gris tormentoso, semella que vai chover e o camiño é longo… As pegadas fan eco. Máis preto, un leva gafas, maletín, traxe de chaqueta… É avogado. É cantante. É cantante e é avogado. É Ramón Rey!, a voz de Liridade Noctámbula. O outro é o noso querido fotógrafo Iván Barreiro. Imos falar de música, imos falar de poesía, de poetas, de jazz… Imos escoitar blues, pero ímolo facer en galego!

Liridade Noctámbula naceu cando Ramón estudaba Dereito en Granada, en 2004. En 2009, volveu a Santiago e montou a banda, que foi premiada co Música Xove. Viaxou despois a Madrid para facer un máster e foi en Alcalá de Henares, onde xurdiu o disco “9 poemas de Lorca”, seis deles en galego (“Seis poemas galegos”) e dous en castelán de “Poeta en Nueva York”.

No grupo son nove integrantes. Tres voces femininas, Sara de Sousa, “cunha voz moi moi grave, pouco habitual”; Cristina Castro, “unha voz moi lírica”; e a de Laura Villanueva “que tamén é moi particular, todas elas o son, voces con moita personalidade, moi delas. Non só fan coros, senón que son, tamén, voces principais”. Fabbio Alonso, no baixo, “ademais de coautor do proxecto é encargado dos arranxos musicais”; Alejandro Daniel Casqueiro, a cargo do piano,hammonde fender rhodes; Carlos Arévalo, o batería; Javier Cedrón, ao violín; Rodolfo Amaral, á guitarra e Ramón, líder do grupo, quen ademais de cantar e ser coautor dos temas, dálle á guitarra. Mentres me fala de cada un, non esquece tampouco ao produtor, Javier Abreu, ao Estudos A Ponte e Atrapason, en Santiago, e Estereoarte, en Vigo, onde comezou a gravación do seu traballo. Financiado por Castelao Abogados, a masterización fíxoa Pepo Scherman, un coñecidísimo enxeñeiro de son, e a fotografía o noso Iván. E neste punto sorrimos todos!

Liridade Noctámbula. Foto: Iván Barreiro.

Liridade Noctámbula. Foto: Iván Barreiro.

A banda móvese por diferentes estilos, “non é para nada estática, collemos toda a música de raíz sen facer fusións, utilizamos cada pao no seu sentido máis primario… Blues, swing, rock progresivo, reggae, funky… Aí está a alegría de Liridade, cada tema é un estilo distinto. Xa se nos asocia cunha sonoridade característica, na que se mesturan en diferentes capas: música e voces, que fan un son propio, máis ben cara o jazz. Pertencemos á world music, pero o jazz é a onda por onde imos, poderíamos dicir. Temos claro o que queremos, tiñámolo dende o principio: boa música, mesturar a riqueza da lingua galega, sen caer en tópicos, sen caer en ningún tipo de ideoloxía, tampouco. O galego é unha linguaxe rica, cunha sonoridade especial, máis rica que a do castelán, non hai que darlle tinturas de ningún tipo, nin cara ningún lado!”

Aínda que neste disco hai dous poemas en castelán, Liridade Noctámbula canta maioritariamente en galego e levará á Praza do Toural os seus “9 poemas de Lorca”, nas festas do Apóstolo (o venres 20 de xullo). Xa tocaron no campus Sur, na Alameda, no Teatro Principal e a súa máxima aspiración é chegar a actuar, por suposto, na Quintana! Ramón anímame a que descubra algún dos seus temas, antes desta cita. De feito, tres deles pódelos escoitar cando visitas a súa páxina web. Así o fixen, recoñecín algún… O primeiro é “Chove”, e a esas alturas do día, chovía xa, de feito!

“O característico do disco é que ten un percorrido especial. O repertorio está deseñado, os temas van enlazados, hai cortes, porque no CD hai cortes, pero se o escoitaras en vinilo, podería soar todo seguido! As melodías de voz que hai nun tema, aparecen como melodías de violín noutro e en piano noutro, é típico. Entón o directo irá por aí, facer todo o percorrido da obra de Lorca así, porque nós entendémolo así, da forma que está no disco, intentar executalo de maneira continua, aínda que teñas que interactuar co público, o que o espectador vai atopar con Liridade é basicamente música, a beleza de música, sen discurso… Igual un pouco de discurso poético si, pero sen discurso político, nin de ningún tipo máis aló do musical! A nosa proposta é que a música se sustente por si mesma, non é música de festa, nin de tristeza, pasa por diferentes episodios. Ao igual que a poesía de Federico García Lorca: que pasa por momentos de namoramento, momentos de tristeza máxima… É como un camiñiño que fixemos sobre a súa poesía e en directo soa moi cru e moi duro, porque son moi bos músicos, e é moi efectivo! Acabamos de tocar na Fundación Paideia, na Coruña, e tivemos moi boa acollida. A xente pensa que por ser poemas de Lorca, vai atopar un grupo tipo canta autor e ‘ñoño’ e non, é todo o contrario! Démoslle vangarda á obra de Federico, démoslle toda a forza que el pedía nos poemas ou iso é o que intentamos facer”. E fano ben, confirmo.

Agora están buscando produtora ou unha axencia que xestione o seu proxecto, porque cren que non é bo que os propios músicos leven a xestión do grupo. Pretenden que sexa alguén que achegue a súa proposta a todos os recunchos, feiras de libros, diferentes espazos culturais… Ramón di que non se imaxina vivir só da música, nin só vivir do Dereito. Resúltame moi curioso. Moitos músicos na actualidade combinan diversas facetas. A artística é unha forma de evadir, quizais, a agresividade doutro mundo máis terreal… Non? Centrarnos na beleza, a das harmonías, por exemplo como di Ramón… Ao fin, a poesía sempre me pareceu unha forma de escape, incluso da choiva…

Dicía Manuel Antonio, quen deu nome a esta banda, grazas ao seu poema XI (intitulado como Liridade noctámbula): A choiva entrou na noite/ fechou por dentro a porta/ e púxose a escribir o seu Poema

Agora silencio. Soa un blues, un blues en galego. O “Blues” de Liridade.