fbpx
666rpmCompostela

LambSkin: Metal Clonado en Meixonfrío

Por César Varela, de Historia do Rock Compostelán 

LambSkin. Foto: Pixi Arnoso
LambSkin. Foto: Pixi Arnoso

Lembrádesvos daqueles contos que escoitabamos cando eramos pequenos? O daquel pastor que berraba de coña: Que vén o lobo!, o do lobo da Carapuchiña Vermella, ou o que lles voaba as casas aos Tres Porquiños coa intención de zampalos vivos e logo saía escaldado? Pois os anos pasan e o lobo segue aí axexando, con pel de cordeiro. Nada é o que parece, baixo a beleza e a bondade escóndese o esperpéntico e o cruel. Ninguén é quen di ser, as formas exquisitas esconden os segredos máis turbios. A xustiza non é un amable rostro con venda nos ollos, a xustiza mírache fixamente mentres che vendan os ollos. Nun mundo no que nada é o que parece, o teu artista favorito probablemente tampouco sexa o que parece. Iso é LambSkin. Chegou o lobo! Auuuuuuuuuu!!! Bendito sexa aquel pastor que en nome da caridade e da boa vontade saque aos débiles do Val da Escuridade.

Que non vos conten contos chineses! A famosa Ovella Dolly foi clonada en Meixonfrío e deixou 6 lindos añiños con distintos ADN’s. Miñocas, gansos e moscas gordas forman parte da fauna dese ecosistema santiagués de tan bo nome. E aí nacen LambSkin, banda de Rap-Metal formada hai tres anos nun laboratorio de ensaio de Meixonfrío, por seis fenómenos da escena musical do rap e do metal compostelán de sobra coñecidos: Javier Gestal (Irmandiños, Embrace Me Ocean, Fulsomes, Octubre 28, Primitive) á batería; Manuel de Mallos (Mutan), ao baixo; Javier Mosquera (C191) e Alberto Bonome (Labazada), ás guitarras; Mestre Pi (Alto Asalto) Scratch, samples e coros; e Óscar Varela (Mo’ Fo’ Force, Da Fundación Cru, La Familia Pazos, Octubre 28) letras e voz.

Tres aniños servíronlle para ir confeccionando un repertorio de composicións propias (‘Puta SGAE’, ‘Maltrato Anal’, ‘Palmaditas en la espalda’, ‘Votantes de pro’) o suficientemente amplo, e pulir o diamante que presentaron ao público compostelán o mes pasado no Moon Music Club, onde tiveron que colgar o cartel de Sold Out. E non! Aínda non teñen disco, nin intención de gravar algo longo. Iso si, senten curiosidade por escoitarse a si mesmos, e posiblemente nos próximos meses decidan meterse nun estudio, gravar algún tema e regalalo en forma de videoclip, aínda que tampouco descartan que nun futuro se poida editar algo sólido e palpable. De momento, o único xeito que vas ter de escoitalos, será en directo. Pero polo de agora aínda non teñen datas pechadas, mais xa empezan a choverlles ofertas, e imaxino que en breve poderemos desfrutar dos seus directos. Sabedes perfectamente que non me gustan as comparacións, pero por orientarvos un pouco, diríavos que soan na onda de bandas coma Body Count ou SX-10. Os expertos na materia saberedes de quen falo.

Dicíavos que non tiñan ningún material gravado? Pois non é de todo certo. Vistes algunha vez a curtametraxe galega ‘O Home do Sacho’? Pois a música dos créditos finais desa Rural Horror Storis #1, dirixida por Diego López Curros, é obra súa. Botádelle un ollo! Está dispoñible en YouTube.

Se xa os coñeces, saberás que teñen páxina no Facebook e merchandising dispoñible, apto para tódolos públicos. Se non é o caso, convídote a que os descubras e te leves unha grata sorpresa. A pesar da pinta de malotes que poidan mostrar na foto, son unhas belísimas persoas, coas ideas ben claras e do máis divertido que puiden entrevistar últimamente a grabadora pausada. Longa vida a LambSkin! Auuuuuuuuuuuuu!!!!