Lalín celebra o 50 aniversario da súa Feira do Cocido

    Martiño Noriega e Rafael Cuíña, diante do autobús promocional da Feira no Obradoiro. Foto: Concello de Santiago

Santiago acolleu hoxe a presentación do 50 aniversario da Feira de Cocido de Lalín, que se celebrará este domingo, 4 de febreiro. O alcalde compostelán, Martiño Noriega, exerceu de anfitrión desta festa de interese turístico nacional que trouxo ata o Obradoiro o seu autobús de ‘Cocido en ruta’. Con el están a percorrer diferentes vilas e cidades, dando a probar delicias como queixo do país, filloas con chourizos, caldo galego ou empanada. Rafael Cuíña, rexedor lalinense, sinalou que “se trata dunha edición moi especial, xa que se cumplen 50 anos e iso merece que se presente nun dos lugares máis fermosos do planeta, como é esta praza”. Ademais, animou a todos os composteláns a gozar desta festa.

A programación da Feira inclúe o pregón a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, espazos de exposición e venda de produtos, así como un concerto a cargo do grupo Treixadura. Podes consultar aquí o programa completo de actividades.

Mes do Cocido

Este ano a Feira do Cocido de Lalín conta cunha programación con máis de medio centenar de propostas. A diferenza doutras festas gastronómicas que se celebran por toda a xeografía galega, este evento aglutina toda unha serie de actividades que fan deste concello un punto de interese tanto a nivel galego como estatal nestas primeiras datas de cada ano.

Cuíña sinalou que o gran obxectivo para esta edición é “potenciar aqueles aspectos da Feira que se facían ben, e que eran moitos, e en introducir algúns cambios para que a Feira recupere a súa esencia. Trátase dunha celebración gastronómica na que se exalta o noso prato máis singular e popular, e, por tanto, o Cocido debe volver á súa condición de festa aberta a todas e todos, unha feira do pobo e para o pobo na que haxa unha firme aposta pola calidade, a participación, a colaboración cidadá e a solidariedade”.

“De San Amaro a San Valentín, Mes do Cocido en Lalín”, é dicir, do 15 de xaneiro ao 14 de febreiro máis dunha trintena de establecementos hostaleiros do concello pontevedrés incorporan diariamente na súa carta o noso prato máis tradicional, a un prezo razoable, co obxectivo de conseguir a súa maior difusión entre todos os que visiten a vila e os que se animen a degustalo.