Javier Peña: “Hoxe en día facerse adulto é renuncia”

Javier Peña é autor de 'Infelices'. Foto: Iván Barreiro

Javier Peña é autor de 'Infelices'. Foto: Iván Barreiro

Javier Peña (A Coruña, 1979) debuta coa novela ‘Infelices da man de Blackie Books. Comparado xa con Paul Auster, non é casualidade que coñecera a súa axente editorial a través da música do azar. Este xornalista, que un día se fartou de escribir para outros, apúntanos directamente ás vísceras coa historia de catro compañeiros de profesión cunha amizade en crise, que transitan pola necesidade de aceptar que as cousas non son como soñaron na súa mocidade polas rúas de Compostela. 

O noso primeiro encontro foi como noutra vida, en febreiro de 2020 en Matrioska- A Reixa Tenda,, na rúa do Hórreo.  Polo medio, unha pandemia e un confinamento que nos obrigou a retrasar a saída de Pincha e desta entrevista. Tres meses despois, reatopámonos por medios telemáticos para actualizarnos. Javier cóntame que neste tempo tivo “a oportunidade de facer cousas que noutras ocasións non podería” e de ver o alumeamento da terceira edición dos seus 'Infelices', que acompañaron a tantos lectores na corentena. “Aínda que baixou o ritmo de vendas, incrementouse a lectura. A terceira edición é un premio”, asegura. Quedámonos con iso.

O teu debut literario é nunha das editoriais máis cooldo país. Como o conseguiches?

É o meu debut literario, pero levo escribindo toda a vida como xornalista, asesor e ficción, aínda que con ‘Infelices’ era a primeira vez que me sentía satisfeito como para presentalo, quizais porque xa tiña unha idade e unha bagaxe. Envieino a moitas editoras, sen obter resposta, pero por casualidade nunha comida unha amiga coñeceu  á que hoxe é a miña axente literaria de Rolling Words (axencia de representación de escritores). Faloulle de min. Quixo ler a novela, gustoulle moito e mandoulla a Blackie Books. Foi todo moi rápido. Rematei a novela en marzo de 2016 e en setembro comprárona. Logo pasou por un proceso de edición, aínda que estou moi contento co resultado final.

Como xurdiu a idea de ‘Infelices?

Non é unha novela autobiográfica, senón dun momento dado. Se volvera a escribir ‘Infelices’, sería distinta. Cando a escribín levaba seis anos na Xunta e non estaba contento. Comecei traballando en Cultura, pero trala marcha de Roberto Varela pasei a Traballo e Benestar. Coa conselleira (Beatriz Mato) non me entendía para nada, pero había que vivir, tiven que aguantar. Sen embargo,  cando levas 6 anos é difícil aguantar. Empecei a pensar que era o que me quedaba o resto da vida, resultábame deprimente, comecei a  recordar  todas as ilusións que tiña cando cheguei a Santiago con 18 anos para estudar Xornalismo e comparábaas coa realidade dos 35-36 anos dese momento. Dinme de conta que estaba no polo oposto das miñas expectativas. Ademais escribía todos os días para unha persoa coa que non me entendía e sentíame alienado. Sentía a necesidade de escribir algo para min mesmo. Por iso adoitan dicir que ‘Infelices’ é unha novela moi sincera, están todos os meus medos, traumas e infelicidades.

(Outro motivo para escribila foi Paula -na que se inspira o personaxe de Marga , compañeira e amiga falecida de cancro, cuxa morte foi o golpe definitivo. Foi un revulsivo”, un toque de atención” para decidirse a cambiar de vida).

Con Javier Peña en Matrioska-A Reixa Tenda. Foto: Iván Barreiro

Cales son as túas influenzas literarias? Tes un humor cínico próximo aos xornalistas americanos tipo Tom Wolfe.

É un humor meu, negro, moi galego. Os galegos bromeamos moito coa morte. A retranca é moi miña, moi galega e está no libro. Tamén hai unha influenza británica, de feito hai un paralelismo entre o humor británico e galego porque ambos son serios e contidos. Gústanme os Monty Python.

Síntome tamén identificado con Alta Fidelidad de Nick Hornby, a presenza musical (varios dos capítulos levan títulos de cancións), Paul Auster, David Foster Wallace, Jonathan Franzen, Chuck Palahniuk, Rafael Chirbes

Cres que como xornalista traballar facendo discursos é pasarse ao lado escuro con respecto ao que soñamos cando comezamos a carreira?

Eu non considero que sexa pasarse ao lado escuro. Escuras son algunas persoas que están nese lado. O que pasa co Xornalismo é que polas circunstancias e as condicións precarias que nos dan é moi difícil seguir apaixonado co paso dos anos. Dóeme moito a precariedade da cultura.


Non é autobiográfica, senón dun momento dado. Se volvera a escribir ‘Infelices’, sería distinta


Foto: Iván Barreiro

Os soños da xuventude curan coa madurez?

Vou ser pesimista. Non se curan, se renuncia. Ás veces son irrealizables, pero a algúns non se debería de renunciar. Creo que hoxe en día facerse adulto é renuncia, pero chega un momento que non tes nada teu.

Sen embargo, a intrahistoria de ‘Infelices é a de un cambio de vida, xa que deixaches a Consellería cando Blackie Books comprou a novela.

Si, pero tes que estar preparado para perder condicións de vida. Tamén tes que preguntarte que é vivir peor. Recordando ‘El Club de la Lucha’, “pasamos a vida traballando en traballos que odiamos para comprar merdas que non necesitamos”. Realmente paga a pena traballar tanto? Necesito certas cousas? A sociedade convéncenos de que necesitamos 25 xerseis ao ano ou viaxar a outra parte do mundo para colgalo en Instagram. 

 

Cal é a idea do éxito que nos venden?

O éxito na nosa sociedade non está nun mesmo, está en que os demais pensen que tes éxito. Por exemplo, para a xente saír nos medios é un éxito. Está nos ollos dos demais.

Para min o éxito é sentirme satisfeito coa novela e acadar empatía cos lectores, e que estos gocen coa novela. 

Un dos temas do libro é a amizade...

É o fracaso da amizade. Hai pouca xente a que queira máis que aos meus amigos. Cando tes 5 ou 6 amigos ao final é como unha relación de parella, entran en xogo os ciumes…  Para min os grandes fracasos foron con perdas de amigos, e logo é moi difícil recuperar a relación, que é o que lles pasa aos protagonistas de ‘Infelices’.

Outro dos temas do libro é o sexo. Cres que tapamos con sexo a falta de amor?

Ao revés. Disfrazamos de amor o que é sexo. Ás veces temos unha relación máis íntima con persoas coas que desexas acostarte que coas que si o fas. Finximos amor porque queremos sexo ou sentirnos desexados.

Cal é o teu próximo proxecto?

Estou a traballar en varias cousas incipientes, entre elas outra novela para Blackie Books, se eles queren. Esta segunda novela é importante porque confirmaría a miña carreira. Téñolle medo, pero tamén estou ilusionado.

Javier pecha esta entrevista con cautela perante o seu futuro, como bo galego, pero dende Pincha augurámoslle un futuro feliz cos seus ‘Infelices’. 


A FUME DE CAROZO