iZombie, cociñando cerebros en Seattle

Noutras circunstancias Liv Moore (Rose McIver), a protagonista de iZombie, podería ter sido a Lucía Freitas de Seattle. Unha cociñeira de vangarda coas ideas moi claras, coñecedora da tradición pero sen medo a innovar e con extraordinaria proxección no mundo dos fogóns grazas a súa creatividade. Porén a vida, ou a morte, levou a Liv por outros camiños, decidiu estudar medicina e converterse en cirurxiá. Quería unha vida tranquila, cómoda e feliz xunto a Major Lilywhite (Robert Buckley), a súa parella, pero unha festa nun lago cambiou eses plans para sempre. Tras aquela noite funesta Liv deixouno todo: mozo e traballo, afastouse da súa familia e deulle ás costas ás amigas.

Agora traballa nunha morgue e pasa os días soa, desconectada de todo e de todos. Que provocou esta cambio nunha rapaza cun futuro tan brillante, cunha vida tan feliz? Liv é unha zombi, funcional e con conta bancaria, pero unha zombi ó fin e o cabo. Así que por medo a facer dano ós seus distanciouse todo o posible. O seu novo traballo non a satisfai pero é a única maneira de conseguir cerebros sen ter que matar a ninguén xa que Liv necesita ese alimento para seguir sendo una zombi que, sen levantar sospeitas, vive integrada na sociedade. Así que poderíamos dicir que a nova Liv, de pel e pelo extraordinariamente brancos, come no traballo.

O segredo da xove só o coñece o seu xefe, Ravi (Rahul Kohli), que marabillado asiste ós cambios de personalidade de Liv pois cada vez que papa un cerebro adquire algúns trazos e habilidades do propietario ou propietaria do órgano en cuestión. Durante as últimas tres temporadas foi un vixilante nocturno, unha dominatrix, un vello amargado cargado de prexuízos, un estudante membro dunha fraternidade, un sociópata, un mozo actor dunha serie para adolescentes titulada Zombie High, unha escritora de novelas eróticas … Cando come non só suma esas personalidades a súa senón que tamén experimenta visións da vida desas persoas, un extra co que axuda ó inspector Clive (Malcolm Goodwin) -finxindo ser unha vidente- a resolver esas mortes.

E todo isto que ten que ver con Lucía Freitas e a cociña? O conto é que Liv non é a típica zombi así que non come os cerebros coas mans directamente do recipiente orixinal. A nosa rapaza é unha amante da boa cociña e non se lle da nada mal. Cada vez que ten que comer asistimos á preparación do prato. Na primeira temporada as receitas eran bastante básicas pero foi na segunda temporada cando a serie deu un salto na calidade dos pratos, podemos falar dunha auténtica evolución culinaria (cinematográficamente falando) en iZombie. Foi entón cando empezaron a experimentar con receitas máis complexas, con técnicas de cociña máis profesionais e con resultados, visualmente, moito máis apetecibles. Agora as secuencias son máis longas, elaboradas e de mellor calidade.

O certo é que a serie fai un bo traballo á hora de explorar os hábitos alimenticios de Liv, demostrando non só a man que ten para a cociña senón o seu coñecemento da arte culinaria. Ademais, sempre teñen o detalle de facer que o prato que prepara teña relación coa persoa á que pertencía o ingrediente principal. A protagonista nunca cociña o mesmo prato dúas veces, iZombie leva emitidos 45 episodios así que estamos falando de, polo menos, 45 receitas diferentes. Non é de estrañar que unha amante da serie e da cociña chegase a facer un libro ‘iZombie Cookbook’ , trátase dunha guía de cociña non oficial pero pode que non quede moito para que os propietarios dos dereitos da serie decidan facer o mesmo.

Como facer un cerebro

Nunha entrevista no programa de Jimmy Kimmel, a actriz Rose McIver explicou que os cerebros que vemos na serie están feitos na súa meirande parte con xelatina. Aleya Naiman realizou 35 cerebros na primeira temporada da serie, un traballo que require tempo -unhas doce horas- e paciencia.

Unha vez rematados pódense cortar e cociñar. Segundo Naiman esa xelatina rosácea non ten o mellor sabor do mundo pese a que están aromatizados con coco e améndoa para facelos máis apetecibles para a actriz. Malia todo, McIver conta que non é a súa parte favorita do traballo e que non paran de pensar en novas receitas para facer que a comida sexa máis “apetecible”. Segundo Kohli, que interpreta a Ravi na serie, el estaba presente a primeira vez que a protagonista tivo que comer cerebro e recorda que “tiña un cubo para cuspir” tras rematar a escena.

En iZombie a presentación e preparación dos pratos é parte mesma da esencia da serie, un engadido que se agradece nun espazo que sorprenderá a máis dun pola súa ambición temática, as súas referencias á cultura popular e o humor dos diálogos.