Imos de peregrinación gastronómica! O 2 de novembro arranca o Santiago(é)Tapas

Os que pasaron hoxe pola Praza Roxa puideron probar a tapa gañadora do 2016. Foto: Concello de Santiago

Os que pasaron hoxe pola Praza Roxa puideron probar a tapa gañadora do 2016. Foto: Concello de Santiago

A partir de este xoves, temos un moi bo plan en Compostela. Chega a décima edición do concurso Santiago(é)Tapas!

O cociñeiro Jorge Gago, do restaurante A Maceta, preparou en directo esta mañá na praza Roxa a tapa gañadora do Premio do xurado da edición de Santiago(é)Tapas2016, “Xurelo San Simón”. Con esta acción na rúa, no que participaron a concelleira de Turismo, Marta Lois, e a vicepresidenta da Asociación Hostelería Compostela, Rita Sobrado, anunciouse o comezo do concurso, que terá lugar do 2 ao 19 de novembro.

Nesta edición do Santiago(é)Tapas, evento xa consolidado tanto entre o público como entre o propio sector da restauración da cidade, introdúcense dúas novidades que pretenden facer máis sinxela a participación no concurso. Modifícase o Tapasporte, que pasa de ser un libriño a ser un despregable similar á credencial do Camiño. E amplíase o número de rutas de tapas de cinco a seis, de tal xeito que sexa máis sinxelo rematar unha ruta, ao contar con menos locais.

Ademais, as rutas noméanse cos diferentes Camiños de Santiago: Camiño Portugués, Camiño Sueste, Camiño Primitivo, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Inglés e Camiño Francés. Deste xeito faise máis patente o vínculo orixinario de Santiago(é)Tapas entre a peregrinación a Santiago e unha peregrinación gastronómica polos locais da cidade.

A décima edición continúa mantendo un número moi elevado de locais participantes. Neste caso participan 70 locais, que ofertarán 101 tapas distintas, todas a un prezo único de dous euros e medio. O público participante poderá puntuar as tapas que probe, así como a experiencia global no local. Entregaranse premios ao público en función do número de rutas completadas.

Por terceira edición consecutiva, Santiago(é)Tapas está organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Este ano conta por primeira vez con Mahou como patrocinador principal e co patrocinio xa tradicional de Cash Récord, Coca Cola. Conta tamén coa colaboración institucional da Deputación da Coruña.

Na páxina web santiagoetapas.com poden consultarse as rutas, locais e tapas participantes.