fbpx
CompostelaDe bares

Hotel Real: Durmindo nun hotel santiagués!

Jessi gozando dun almorzo no Blu Café tras durmir no Hotel Real
Jessi gozando dun almorzo no Blu Café tras durmir no Hotel Real.

Durmir nunha habitación dun hotel de Santiago é unha actividade que tes que realizar algunha vez na vida, obrigatoriamente! (No meu caso, varias, porque son un cuíño de mal asento… Jajajaja). Incluso aínda que esteas vivindo na cidade ou na contorna… Tes que probar cama nun establecemento hostaleiro compostelán. Por que? Porque detrás desas cortinas bordadas que adornan unhas fiestras antigas, gardadas cun seguriño metálico dos que xa non se ven: hai moita vida! Está a verdadeira vida de Compostela. Imaxina poder erguerte descalza, en camisón, pixama de flanela ou ‘negligé’ (cada un que se sinta libre de durmir o ‘fasion vitim’ que queira) e baixo os teus pés contemplar a través do cristal, aos veciños picheleiros indo e vindo, apurados, dende a praza de Abastos, esas rúas empedradas, onde a luz ilumina e reflexa unha maxestuosa Catedral ao fondo, cheas de xente con bolsas coa froita, o peixe do día, comentando as novidades… O olor a pan fresco, a café recen feito, a queixo e castañas… A friaxe empana a ventá e o murmurio do fondo dos que aínda non se deitaron e dalgún que outro tuno ou tunante que intenta conseguir con quen durmir, cantando, debuxa un sorriso na túa cara! Sen ter que facela cama, nin preparar o almorzo, nin limpar o baño! Sen presas, pero sen pausa… Saír pola porta e poder entrar nos comercios, en variedade de cafeterías, bares e restaurantes onde probar algo delicioso con alegría ou mesmo beber durante toda a tarde/noite con alboroto! Sen ter que coller o coche, sen buscalo, soa e sen compromiso ou acompañada, pero sen ter que deixar unha nota! (Jajaja) E gozando da amabilidade dun atentísimo persoal disposto a mimarte e agarimarte o suficiente para que volvas! Aaaash! (Suspirazo!) Iso é durmir con encanto e non o que nos venden nas ‘pelícolas’!

Rita e Carmen no Blu Café.
Rita e Carmen no Blu Café.

Carmen Arán e Rita Sobrado levan seis anos traballando cos seus propios proxectos de hospedería. Comezaron en 2013 e aquí están loitando, día a día, para ofrecer un curruncho diferente, especial e acolledor no que pasar unha noite ou quince días gozando de Santiago! Porque estas mulleres cren e afirman que a nosa cidade ten moito que ofrecer e que aínda ninguén sabe canto! Claman porque as autoridades se involucren e fagan máis porque as pernoctacións en Compostela suban dunhas horas e dun día! Para que haxa actividades tan diversas que faga a outros galegos vir ata aquí e aos mesmos picheleiros facer máis vida aínda nas rúas, nos bares, nos hoteis!

A hostalería non dá tanto diñeiro coma cremos, foron tempos. “Para a xente que estamos empezando de cero, xera moitos gastos -explican Carmen e Rita, ambas as dúas ao fronte do Hotel Real e do Blu Café, que está ao lado-. Os primeiros anos tardas en amortizar os investimentos. É unha carreira de fondo. Moitos, por desgraza, pechan aos catro meses. Houbo unha época na que se fixeron moitos cartos, a base de moitas horas, de empregar a familiares… Pero para quen está empezando é moi custoso. Non hai axudas, nin as pides! Estás suxeito a moitas cousas, á pouca flexibilidade dos autónomos, os que temos que pagar aluguer, o IRPF, facenda, a contratación de empregados, os impostos indirectos como a Lei de Protección de datos, que si a lexionela… E cada recibiño que chega: son 500 euros!, que pensabas cobrar para pagar unha factura, un provedor…. Sen falar da burocracia”.

Por que conto isto? Porque creo, que é xusto e necesario, que cando un atravesa a porta dun hotel pequeno, deses máxicos, onde hai atención personalizada ten que saber que quen te recibe: tanto fai o almorzo, como frega o chan, cambia as lámpadas e ata algunha noite vixía que non rodes escaleiras a baixo, por beber coma canciño piloto! “Nun sitio pequeno coma este tes que facer de todo”, rimos.

E que facedes vós para que aos visitantes lles guste o voso local? Que ofrecedes aquí, como conquistades ao cliente? “Pois é un sitio de bastante calidade, con bo produto, onde lle botamos imaxinación, onde atopas bo ambiente, boa atmosfera e boa música! A nós gústanos traballar e, por fortuna, temos moi boa clientela. Temos unha clientela fixa, que ben á cafetería, xente que está de paso ou a que ven ata tres veces ao día!… É un sitio diferente do que hai por aquí. Levámonos ben, intentamos que haxa un bo rollo e coidarnos os uns aos outros e dende logo ao cliente. Agora a xente móvese moitísimo, sabe o que é un café ben feito, quere unha cervexa en copa e ben servida. Todos estamos ao tanto do que hai por aí e hai que darlle ao cliente o que che pide, exactamente! Isto xa é como un Gran Hermano, sete mil millóns de persoas mirándoo todo e a todas horas. Todos os fallos da cafetería sábelos nas redes e ademais somos xuíces e esquecemos que todos temos un primeiro día no traballo, que temos un mal día. Parece que tomar un café é unha cuestión de vida e morte… E despois buscas referencias dun médico especializado e non existen!! É un absurdo. Pensamos que é fácil facer un café, somos todos críticos gastronómicos, e despois oes: “Estes grelos son de Lalín! E mordes a lingua para non berrar: Faga o favor, señora. Que son espinacas!!”. Eu case mexo coa risa, pero no te es de rir, eh! Tanto sabemos que non sabemos nada.

A hostalería ten, de todos os xeitos, algo moi bo para Rita e Carmen, e é o contacto coa xente! Recibir o agradecemento, as risas… “Nós somos moi naturais! E intentamos ofrecer confort, seguridade, un sitio cálido. Temos moita clientela feminina, mulleres que veñen soas e se senten a gusto. Ti, ao final, cando viaxas o que necesitas é sentirte seguro, se che pasa algo poder contar con alguén, unha referencia de xente que te faga sentir ben”. A hospitalidade santiaguesa debería ser tamén Patrimonio da Humanidade e punto! Un: bos días!, pódeche salvar unha xornada enteira e unha cama de hotel pode rescatarte dunha noite en vela, aínda que teñas que subir ‘á jatas’!

A clientela do Hotel Real adoitan ser peregrinos, pero tamén hai visitantes galegos e asturianos, moitos máis en inverno, que veñen a algo en concreto como a un concerto na sala Sónar, ou na Capitol ou na Riquela e de paso aproveitan para quedarse e coñecer a zona vella. “Estamos situadas nunha rúa santiaguesa cen por cen, é moi boa para saír a pasear… É unha zona comercial, preto de bares de festa e do ambiente real de Santiago e non do tan turístico”.

En definitiva, ir de bares é necesario, porque aínda que esteas solo, estarás acompañado! E porque os hostaleiros de Santiago son persoas para quitarse o sombreiro! E durmir de hotel deberá ser agora -se non o fixeches, aínda- unha tarefa a cumprir, proximamente. Porque durmir nun hotel pequeno e en plena zona vella picheleira é rendible! Porque ten tarifas asumibles e recunchos peculiares. Así que se tes unha cea de empresa ou unha cita romántica ou ves a un concerto ou abúrreste e queres probar un colchón diferente!! (jajajaja) Na Rúa Caldeirería estarás ao carón de todo, do Santiago máis santiagués, dese Santiago que non o ves ata que te somerxes e dormes nel! E dende das fiestras do Hotel Real tes unha boa postal!

Fotos: Incongo Art Fotografía