Hotel Costa Vella, vinte anos de romance coa cidade

José Antonio, na recepción do hotel. Foto: Iván Barreiro

Xunto a súa irmá Ana, ao seu cuñado Rober, a Javi que leva dende o 2007, a María que conta dende hai máis… quizás 2004 ou por aí, a Susana dende o 2002, a Elena que é camareira de pisos e que suma entre doce e catorce anos, e a María, que por desgraza tivo que deixar de traballar, José Antonio Liñares fai de Compostela un sitio máis bonito e do seu hotel un lugar para recordar! Un sitio que permanece aínda, e logo de vinte anos, de romance coa cidade.

“Tendo unha cidade tan especial, cunha zona vella que é patrimonio da humanidade, que ten uns valores arquitectónicos e monumentais absolutamente diferenciados doutras cidades similares, co Camiño de Santiago, cuxa proxección aínda non se puxo realmente en valor… Tratamos de ofrecer algo diferente ao que pode ter esa persoa no seu lugar de orixe, onde o viaxeiro sinte un tratamento de preto, máis informal, e de que cando volva ao seu país recorde non só Compostela, tamén o hotel. Non só como un lugar onde durmía, senón que o recorde como un valor engadido. Que nos recorde a nós! O espazo que ofrecemos e a nosa forma de facer”. Romántico é, ou non é?

No hotel Costa Vella engaden valor a todo. Cando explican que tratan de que “a xente estea moito tempo”, falan da pequena familia que aquí traballa. E cando falan de que tratan de que volvan ou repitan… Fala dos viaxeiros. “Que a xente permaneza é moi bo. Temos moitos clientes habituais que levan vindo dende que abrimos e que xa se fixeron vellos con nós! –Sorrí- Gústalles vir e atopar á mesma xente e de feito cando falta algunha persoa, polo que sexa ou que xa non está, aquel día ao mellor non cho din, pero dámonos de conta… Porque veñen polo tema persoal. En vinte anos pasan moitas cousas e algúns xa non están…”. Un aire de melancolía súmase ao romanticismo que aquí se respira dende que se abre a porta. Aquí dentro hai unha atmosfera cálida que recolle, que abriga e que agarima…

En vinte anos o mundo cambiou tanto! E a hostalaría tamén. Agora xa se dá por suposto que existen este tipo de establecementos. De feito, hai tantos que existe unha moratoria en Santiago que limita que se abran negocios hoteleiros no casco histórico. Pero cando abriu o hotel Costa Vella non había ningún. Era un modelo que naquel tempo foi innovador. “Se comparamos aqueles tempos, previos ao desenvolvemento do turismo da cidade e ao auxe do camiño de Santiago, o mundo cambiou unha barbaridade, pero por entón supuxo un sopro de aire fresco, de aí o éxito deste modelo e que se reproducira”.

Moitos clientes regresan polo trato cercano do persoal, como a camareira de pisos Elena. Foto: Iván Barreiro

O proxecto xurdiu no ano 1997, pensaban abrir a principios de 1999, ano Xacobeo, pero non conseguiron chegar a tempo. Abriron en outubro. As licenzas, as obras… xa se sabe. “As cousas levan o seu tempo, pero se foramos máis rápidos todos… É unha pena que iso ocorra, todos perdemos, incluso a Administración. A economía dinamizaríase moitísimo máis e todo iría moito mellor. Deberíamos poñer todos da nosa parte”, lamenta.

Súa irmá e el procedían xa do mundo do aloxamento, pero como residencia de estudantes. “Nos anos noventa púxose de moda unha marca oficiosa, que nunca chegou a ser oficial: os hoteis con encanto. Había hoteis convencionais e pensións, pero non había unha caixa ou un contedor pequeno onde houbera un bo servizo, unha boa estética e uns bos acabados, que se vendesen a través dos canais normais da hostalaría e nese momento apareceu esta casa, case ao lado da nosa rúa, aquí en San Martiño Pinario. Estaba nun abandono absoluto e cando a descubrín, namorei! Pensei que era perfecta para ese modelo de establecemento, que eu xa coñecía. Daquela existía a guía de hoteis con encanto de Fernando Gallardo, xornalista de El País, a biblia dese tipo de establecementos, cuns estándares de calidade moi elevados, e aínda que hoxe non ten moita importancia, porque está Internet, naquel momento –que non existía a rede- saír nesa guía era unha pasada! Eu coñecía a guía de memoria e ao ver esta casa… Era perfecta!”, rememora con ese ton tan romántico co que describe a súa forma de vida.

O que fixeron co Hotel Costa Vella, hai xa dúas décadas, foi propoñer un modelo distinto que moitas veces non encaixaba, “foi metido con calzador nas normas da lei de turismo que existía, con dispensas… Era un modelo que todo o mundo quería. Tiñamos tanta demanda que descartamos traballar con calquera tipo de intermediarios, porque bastaba a venda directa para ter cheo practicamente todo o ano e con tarifas bastante rendibles para nós. E ese modelo que todo o mundo quería, que tanto gustaba e sendo que non tivemos nin unha soa reclamación en vinte anos, nin unha!! Á administración non lle encaixaba… Por iso creo que teñen que pensar que as súas regras son obsoletas, porque ao final rehabilitamos unha casa que levaba moitos anos abandonada e abriuse un negocio que non xera problemas e aporta valor”.

Traballando na cafetería do hotel. Foto: Iván Barreiro

Non se podía facer algo de moito luxo, porque tampouco se levaba e a casa non daba para máis… “Non temos ascensor nin aire acondicionado, pero por entón entrou moi forte nas guías específicas deste tipo de hoteis. Agora temos que adaptarnos, evolucionar, o mundo non é o que era. Para nós antes era moito mellor, dígoo sinceramente, xerábase moito máis valor a nivel de retorno de negocio. Aínda que Santiago agora é un canón turístico, o turismo é estacional, antes traballabamos todo o ano. Aumentaron a demanda e a competencia e os fenómenos propiciados polas plataformas de venda por Internet. Portais como AirBnb que abren a porta a que calquera poida ter un aloxamento á venda e antes non ocorría. Antes era todo moito máis profesional, había unha barreira de entrada, que agora non hai. Hoxe é todo máis sinxelo, a competencia é máis limpa e canta máis competencia, menos valor, o libre mercado é así. O que non é xusto é o agravio comparativo! Non falamos de prohibir, falamos de non facilitar, o de que pagan menos impostos esta aí. Os establecementos regrados estamos sometidos a moitísimos controis e regulacións, que fan que o traballo sexa máis pesado e os custes máis elevados e este tipo de negocios teñen un peso máis lixeiro, poden ser máis competitivos, entón non é xusto. Cumprir con certas leis require tempo, traballo e cartos… Pasou co transporte, co comercio e agora nós. As regulacións son necesarias, pero as xustas, parte do problema que hai co conflito das vivendas de uso turístico veñen dadas polos corsés impostos pola administración aos hoteis, porque non nos permitían ofrecer a habitabilidade que si se lle permite a estas vivendas. Por exemplo, non podes meter unha habitación tripla, aínda que o cliente queira porque é ilegal, porque eles o din. E chegan estes novos modelos e non só se pode, senón ata o dobre peor! Se deixaran ao hoteleiro, con toda esta transparencia que ofrece Internet, unha vez que aparece, coas fotos e as críticas reais, onde o engano desaparece, terían que desaparecer tamén todas esas restricións que existen e restan valor non só ao empresario, senón ao cliente. Para as familias ese tipo de vivendas turísticas son moito mellores, porque a nós nunca se nos permitiron eses medios nin esa habitabilidade. A Administración vai moi por detrás das necesidades dos usuarios e dos negocios, pero camiñamos cara esa liberdade, sempre que non xeremos problemas de tipo urbanístico, nin de seguridade. Se eu propoño algo que o cliente pide e quere… Por que non se permite? De aí o éxito dos aloxamentos tipo casas nas árbores ou nos barcos, hoteis cápsula, lugares exclusivos, onde a xente paga moitísimo pola estancia e que antes non podías ir á Administración con eles, porque tachábante de tolo! A xente está farta e aburrida do convencional! Hai que propoñerlle cousas. Satisfacer demandas”.

No mundo real -e no hoteleiro tamén- estamos obrigados a tomar decisións de mercado, empúxannos a abandonar o romanticismo. Poderemos recuperalo? José Antonio con todo pesar cre que non, aínda que nel persista. “As dinámicas lévante por outros camiños, hai cousas que se non fas non es competitivo, a única forma que hai de ser competitivo é volvendo a que isto sexa un modo de vida. Traballar aquí como autónomo é complicado. Isto é a túa vida, o tempo pasou e tamén tratamos de ter espazo para nós… Os primeiros anos só traballas e cando tes tempo libre, só pensas no traballo. O hotel está aberto 24 horas e durante todo ese tempo poden pasar cousas. Cada vez fante máis responsable de absolutamente todo. Sempre hai un responsable. Cada firma é un peso. Supoño que ten que ser así, antes eramos como máis inconscientes… Todo tende a un hiper control, a unha hiper legalización, ninguén pode cometer un erro… Recuperar aquel romanticismo é case imposible. Pechan negocios e non hai un relevo igual… Iso do ‘modo de vida’ está pasando á historia. É difícil encontrar unha rendibilidade… O entorno administrativo é hostil, non notamos amabilidade por parte do que nos regula, aínda que poderíamos entendernos mellor. Pero supoño que ten que ser así”…

Non desacouguedes! Queda moito romance aínda entre Compostela, os composteláns e o hotel Costa Vella! O proxecto da casa abandonada que resultou “marabillosa pola singularidade do edificio: por estar pegado a unha muralla medieval, por estar nunha zona alta, polo seu portal tan especial que conecta a rúa co xardín e que crea unha estampa da igrexa de San Francisco que non deixa indiferente a ninguén”, aínda vai dar moito de si, con proxectos que agardan ver os seus donos a curto prazo e que desvelo que teñen que ver co xardín… “Porque ao final, este establecemento dá valor ao entorno, non xeramos problemas aos veciños ou ao barrio, aportamos un sitio acolledor e tratamos de facelo non só por nós, senón por facer o mundo un pouco máis bonito”. Conségueno e continuará!

O xardín do Hotel Costa Vella. Foto: Iván Barreiro.

O xardín do Hotel Costa Vella. Foto: Iván Barreiro.