fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

Hostalaría Compostela elixirá Xunta Directiva este verán

Javier Míguez (Grupo Las Bodeguillas), Avelino Martínez (O Dezaseis), José Antonio Liñares (hoteis Costa Vella, Altaïr e Moure), Sara Santos (Hotel Rúa Villar e Pensión Rúa Nova) e José Antonio Riveiro (Café Casino e A Casa da Viña), durante a rolda de prensa.

A Asociación Hostalaría Compostela elixirá a súa nova Xunta Directiva este verán, tras unhas eleccións que previsiblemente se celebrarán no vindeiro mes de xullo. Así o explicaron nunha rolda de prensa na sede da entidade da Rúa Salvadas 29, tres dos seus expresidentes: Sara Santos (Hotel Rúa Villar e Pensión Rúa Nova), José Antonio Riveiro (Café Casino e A Casa da Viña) e José Antonio Liñares (hoteis Costa Vella, Altaïr e Moure).

En marzo a última Xunta Directiva convocou unhas eleccións que non se chegaron a celebrar por ausencia de candidaturas. Posteriormente, tivo lugar unha Asamblea Xeral Extraordinaria na que dimitiron todos os membros da directiva. Tamén se acordou a delegación da súas funcións de xeito provisional ao xerente da entidade, Ramón García Seara, coa intención de convocar novos comicios nos vindeiros meses cando mellorase a situación provocada pola pandemia da covid-19.

Santos, Riveiro e Liñares explicaron que actualmente a entidade non está en concurso. “As débedas están sendo solventadas, lentamente, pero solventadas”, sinalaron. Afirmaron tamén que un sector como o seu, composto maioritariamente de pequenos autónomos e microempresas, necesita dun movemento asociativo forte que defenda os intereses específicos da hostalería, que fomente a formación e a innovación e que manteña unhas cordiais relacións coas distintas administracións. “Esta asociación creada hai máis de corenta anos é pioneira do asociacionismo e hoxe en día representa a 600 locais de Santiago e a súa comarca”, destacaron.

Nestes máis de corenta anos de historia milleiros de alumnos formáronse ou recicláronse nos cursos impartidos nas aulas de formación, centos de negocios abriron as súas portas asesorados polo persoal da asociación, innumerables trámites burocráticos foron facilitados aos asociados: licenzas, permisos, sancións, consultas e un longo etc. A Asociación propiciou unha case sempre fluída e produtiva interacción coas administracións e os medios, impulsando melloras para o sector a través de acordos e convenios. Tamén organizáronse de maneira exitosa multitude de actividades de dinamización do sector e de toda a cidade como o concurso Santiago(é)Tapas, a Festa das Uñas de San Lázaro ou as xornadas gastronómicas de cabra do Banquete de Conxo.

“Todo este traballo non debe caer no esquecemento”, sinalaron os expresidentes, animando a que outros hostaleiros tomen o temón que eles deixaron no seu día, fagan os cambios necesarios e “leven a nave a bo porto”. “Estamos non momento de poñernos a traballar, máis aló de enfrontamentos políticos, e superar xuntos dunha vez por todas esta pandemia”, concluíron.