Grilo: “Vivimos nun mundo cheo de historias que merecen ser contadas”

Por Xiana Lastra

Grilo presenta “Dálle lume”, un trallazo agresivo e contundente de rock duro. Foto: Yoshimura

A música galega volve estar de estrea. O grupo compostelán Grilo vén de presentar na Sala Capitol o seu primeiro traballo discográfico, “Dálle lume”. Adrián (voz e guitarra), Alberte (coros e baixo) e Miguel (batería) chegan aos escenarios coas pilas ben cargadas, coa maior das ilusións e ofertando a quen se achegue escoitalos nos directos unha música potente e sincera, ademais dun espectáculo coidado e orixinal que deixou coa boca aberta a toda a xente que se achegou ao seu primeiro concerto na emblemática sala compostelá.

Como e cando nace o grupo?

O grupo comeza a xestarse no verán do 2018 en Compostela ao coñecérense Miguel e Adrián nunha terraza na praza de Cervantes. A partir dese día comezamos a xuntarnos para tocar sen ningún tipo de pretensión ata que vimos que a maquinaria funcionaba. Gustábanos o que estabamos a crear naqueles primeiros ensaios nas salas de Duduá. Despois uniuse Alberte co baixo, a camiño entre Compostela e Pontevedra, e fomos asentando máis a idea do grupo e do que queriamos facer.

Como definiriades a vosa música a nivel estilístico e conceptual?

Cremos que non somos nós os que debemos definila, deberían de facelo máis ben as persoas que escoitan a música de Grilo. É evidente que nos encadramos dentro do rock duro e potente, e tamén son evidentes as enormes ramificacións que existen dese xénero. Aínda así, o que nós pretendemos é facer o que nos saia en cada momento, porque nos parece o máis natural e sincero, e deixar que a xente que nos escoite decida onde encaixalo. 

Hai ben pouco que saíu á rúa “Dálle lume”, o voso primeiro disco. É necesario aínda hoxe sacar un cd físico? Para moitos é un formato obsoleto.

Nós somos uns nostálxicos e, como tal, gústannos os discos… velos, tocalos, poñelos no equipo e darlle ao play. Crear un disco é como o resultado de todo ese traballo feito, é como traer un fillo a este mundo.

As redes e internet facilitan moitas cousas e cada vez é máis doado chegar a gran variedade de música, pero non por iso imos deixar o disco físico de lado.

Tedes un disco que chama bastante a atención polo deseño e esa cor amarela. Mais no que atinxe á parte que non se ve… que pode atopar a xente cando o escoite?

Moito traballo e horas de curre nos ensaios que dan como resultado un trallazo agresivo e contundente de rock duro. Verbas reivindicativas; verbas en recordo daqueles que faltan; verbas que enxalzan a importancia do noso, da terra, da cultura e dun idioma como é o galego; e tamén verbas latentes dun dos nosos mártires, como foi Alexandre Bóveda.

Se tivésedes que destacar un tema do disco, cal sería?

Pois ademais dos sinxelos que fomos publicando pouco a pouco, para nós ten especial relevancia precisamente a canción que pecha o disco, Xandre. Esta é a única canción cuxa letra non é nosa, senón que é unha adaptación da última carta que escribiu Alexandre Bóveda, como che estabamos a comentar, antes de ser asasinado polo franquismo. Para nós esta é unha pequena homenaxe que lle dedicamos a alguén que loitou pola liberdade e a democracia.

Grilo. Foto: Yoshimura

Acabades de presentar o disco na Capitol, teloneados por Pauliña e cunha visita “especial” dun ser con moito pelo. Como é o voso directo?

Para nós o directo é o máis importante de ter unha banda de rock e nesta xira estamos tratando de levalo a un nivel superior, facendo un verdadeiro espectáculo no que non van faltar decibelios e potencia a esgalla. En definitiva, un concerto de rock á vella escola.

E como dicía, con visitas inesperadas entre o público, non? De onde saíu a idea do oso que vos acompañou na Capitol?

O oso naceu como portada do noso primeiro sinxelo, Criminal, como unha representación animal de todos aqueles poderosos que tratan de manexar as nosas vidas, pero ao mesmo tempo seguindo a idea recollida na canción de que nós tamén podiamos responderlles con forza.

A idea gustoulle tanto ao público e a nós que se converteu nunha das nosas imaxes de referencia e decidimos facer algo especial con el para a presentación do noso primeiro disco.

Cales son as vosas influencias dentro e fóra da música galega?

Pois as nosas influencias atópanse a nivel internacional no que os tres estivemos escoitando dende a formación do grupo, basicamente os grupos siateleiros de finais dos 80 que deron orixe a ese movemento artístico, musical e cultural que foi o Grunge. Falamos de formacións como Alice In Chains, Pearl Jam, Nirvana, Soundgarden… sen deixar fóra outros como Rage Against the Machine, Foo Fighters, Audioslave. Grupos coma estes son nos que Grilo ten as súas raíces.

A nivel galego ademais consideramos que existe unha enorme cantidade de proxectos interesantes de diferentes estilos cos que dende que comezamos con Grilo tivemos a oportunidade de coincidir e aprender, da súa música, do seu xeito de traballar e da súa traxectoria. Son casos coma o de Nao, con quen compartimos escenario no noso debut, de Ruxe Ruxe, de Aphonnic, d’A banda da Loba, de Golpe Radikal, de Arrhythmia, de Terbutalina… Son tantos os proxectos que existen que poderiamos encher a entrevista enteira falando deles.

Como ben dicides, moitos destes proxectos teñen unha longa traxectoria na nosa música e xogan un papel reivindicativo no social. Vós tamén mamades diso. En que se inspira Grilo para compoñer?

Supoño, que como moitos outros grupos, nas situacións e vivencias que che afectan e te rodean no teu día a día. Algo que te marque e sexa significativo para ti tanto no ámbito íntimo e persoal, coma no colectivo.

Vivimos nun mundo pestilente anegado de inxustizas de todo tipo: sociais, medioambientais, políticas... A música é unha canle tanto para combater e facer fronte a todos estes problemas como para evadirte, en certa forma, a partes iguais.

Vivimos nun mundo cheo de historias que merecen ser contadas, ben a través da música, da literatura, do cine ou calquera outra canle de comunicación.

Onde poderemos vervos a partir de agora?

Despois desta calorosa acollida na casa, onde tocar sempre é especial pola xente, os nervios e polo feito en si de que tocar na Sala Capitol no pouco tempo que levamos porque foi todo un reto, seguiremos rodando por toda a xeografía galega visitando as catro provincias. O primeiro concerto será este 15 de febreiro en Ferrol, na Sala Ruído, e despois visitaremos Ourense, Melide, A Coruña, Pontevedra... Iremos informando nas nosas redes.

E agora que xa voslanzastes” aos palcos, cales son as vosas metas e inquietudes a curto-medio prazo?

O primeiro, gozar co que facemos e seguir tendo unha motivación para escribir e compoñer. Por outra parte, ver que hai xente que goza, igual ca ti, co que fas, iso xa é moito. En Galiza hai infinidade de grupos musicais de diferentes estilos, pensamos que é algo bo e necesario crear escola a tódolos niveis xa ben, no ámbito musical como no reivindicativo. Se en Galiza sobra algo é talento.