Grandes escenas de series de televisión que suceden na cociña

Por Como un Fénix

Hannibal e Jack cun coitelo.

Antes a cociña era a estancia máis importante dunha casa. Nas cociñas non só se cociñaba, facíase vida. Eran o corazón do fogar e alí reuníase a familia para comer e falar. Ese lugar privilexiado como centro neurálxico da casa perdeuse pouco a pouco, a televisión, o cambio de hábitos alimentarios, o descenso da natalidade, o Internet, etc… restáronlle importancia ás cociñas.

Nas series de televisión as cociñas son un espazo ó que se lle saca pouco partido, tamén depende do tipo de serie que sexa, os dramas familiares como Six Feet Under aproveitan ben este espazo pero os procedimentais tipo CSI non, nas comedias os bares ou salas de estar soen ser moito máis importantes que as cociñas e nos dramas de época como Downton Abbey recuperan ese posto de importancia dentro do día a día das persoas.

Recollo a continuación as mellores escenas en cociñas que podedes atopar en series de televisión.  Opinión persoal e subxectiva.

1. Sookie e a torta de pacanas da avoa

Existiu un tempo no que True Blood foi considerada unha obra seria e a ter en conta, unha época na que gañaba premios e aparecía na lista de favoritas dos críticos estadounidenses. Esa época circunscríbese a súa primeira temporada, antes de que a serie empezase a transformase nese festival de carne e loucura que tanta diversión trouxo ós meus veráns.

Daquela primeira temporada é esta escena na que Sookie Stackhouse (Anna Paquin) chega a casa tras o funeral da súa avoa e, na soidade da cociña, come a última torta de pacanas que fixo a finada. A escena sempre me pareceu triste e fermosa, Sookie empeza a comer a torta e non pode evitar chorar sabendo que nunca volverá a probar unha torta de pacana como esa, feita pola súa avoa, impregnada de amor e recordos.

A escena: https://www.youtube.com/watch?v=30IK3I30M2E

2. “The Secret To My Eggs? Sour Cream”

Todos temos un animal dentro, o de Tony Soprano é un cabalo desbocado. O patriarca do crime organizado de New Jersey non é un home tranquilo pero os seus estalidos de ira sorprenden pola súa bestialidade. Cando visita a Ralph  Cifaretto (Joe Pantoliano) para informarlle da morte do seu cabalo de carreiras a tensión pódese cortar cun coitelo. Ese día Ralph está de bo humor, está facendo o almorzo na cociña, preparando ovos na tixola. É unha escena que non anticipa a violencia que segundos despois desata Tony cando acusa a Cifaretto de ser o culpable do incendio que matou ó  cabalo.

A violencia que inunda a pantalla é primaria e visceral, e o certo é que Ralph merece todo o que lle sucede, a súa relación con Tony sempre foi complicada e a morte do cabalo  acelera algo inevitable: a morte de Ralph, un momento que os fans da serie non esquecerán nunca.

A escena: https://www.youtube.com/watch?v=-x5uO2NyWOQ

3. Hannibal e Jack na cociña cun coitelo

Pero para pelexas en cociñas eu prefiro a que serve como arranque da segunda temporada de Hannibal, esa obra visual única a cargo de Bryan Fuller. O enfrontamento entre Hannibal Lecter (Mads Mikkelsen) e Jack Crawford (Laurence Fishburne) supura adrenalina e intensidade, hai coitelos, sangue, un frigorífico, copas rotas, cazos que golpean a cabeza … A cociña convértese nun campo de batalla, sangue e saleiros. Trátase dunha escena de acción brutal que deixa ó espectador desexando saber como chegaron as personaxes a ese punto.

A escena: https://www.youtube.com/watch?v=UNSkmoYl7fI

4. Fuck, fuck, fuck, motherfucker

No cuarto capítulo da primeira temporada de The Wire, Jimmy McNulty (Dominic West) e Bunk Moreland (Wendell Pierce) investigan o asasinato de Diedre Kresson. Durante case cinco minutos os dous policías móvense nunha pequena cociña comunicándose a base de “fuck” ou variacións da palabra en cuestión.

Esta escena é brillante, no só pola estratexia narrativa escollida senón por facer prevalecer o visual sobre o verbal. Non é a típica escena de CSI onde explican que se a bala saíu por aquí é que a dispararon desde alá. McNulty e Bunk colocan as imaxes no chan e móvense polo espazo coa experiencia de quen xa estivo investigando demasiada merda semellante. Con cada nova variación ou inflexión tonal do “Fuck”, os dous detectives dotan de significado á palabra transmitindo a súa frustración, desconcerto, rabia, desgusto, dor e, finalmente -cando Bunk e McNulty saben o que sucedeu nesa cociña- satisfacción e comprensión. Fuck.

A escena: https://www.youtube.com/watch?v=1lElf7D-An8

5. O asado de Ruth Fisher

Se a estas alturas da vida aínda non viches Six Feet Under es un caso perdido. Se xa coñeces ós Fisher, sabes que a matriarca da familia é moito máis do que parece a simple vista. Cando a serie arranca, Ruth está na cociña (un lugar no que a veremos moitas veces) preparando a comida. Entón, recibe unha chamada de teléfono. Unha chamada que modifica a súa vida e que é o punto de arranque desta marabillosa serie; o seu marido acaba de ter un accidente de coche. Está morto. Ruth  berra, tira cousas e queda no chan. Ruth é un personaxe fascinante e complexo e esta escena só é o principio da súa aventura.

A escena: https://www.youtube.com/watch?v=1_lk1rBBINE

6. A implosión da cociña

Unha escena recente pertencente á serie Legion de FX, un espectáculo estraño, elegante e visualmente envolvente baseado nun personaxe de Marvel coñecido como Legion.

David (Dan Stevens) posúe unha serie de capacidades excepcionais, entre elas, o poder de mover obxectos coa mente. Porén, David non e consciente dos seus poderes e non é quen de controlalos. Na escena da cociña, un inestable David fai que toda o que hai na habitación vaia dun lado para outro. O momento, a cámara lenta, é impresionante e máis sabendo que non se usou CGI para levala a cabo senón que tiraron de elementos reais e canóns de aire.

A este momento da vida de David a historia regresa varias veces, así que o impacto da primeira impresión acaba un tanto diluído. Con todo, é unha escena que permanece na memoria e que estou segura que sempre sairá a colación cando falemos de Legion.

A escena: https://www.youtube.com/watch?v=RZOwEE4wqkI

7. Cociñando en Nova Iorque

Treme conta varias historias seguindo os pasos de personaxes moi diversas que (sobre)viviron ó Katrina. Unha desas personaxes é a chef Janette Desautel quen, tras intentar reflotar sen éxito o seu restaurante en Nova Orleans, trasládase a Nova Iorque para traballar co chef Enrico Brulard (Victor Slezak). A cociña dun chef de éxito é un lugar esixente que xera estrés. Janette, que non aproba as maneiras do seu xefe, sofre en silencio a tiranía do divo culinario. A escena fala por si mesma e deixa moi claro que algúns xefes non coñecen a palabra empatía.

Durante catro temporadas Treme sempre estivo na vangarda da cociña. A serie non so contou con Anthony Bourdain como guionista senón que tamén tivo como invitados a cociñeiros tan coñecidos como Eric Ripert, Emeril Lagasse, David Chang ou Tom Colicchio.

A escena: https://www.youtube.com/watch?v=Uo1EptgULPQ