Graciela Castro, organizadora de eventos en On y Vá: “Todos queremos coñecer xente”

Por Rebeca Munín

Grace organiza Ceas Secretas e Sunday Dramas, entre outros eventos. Foto: Iván Barreiro

Puido chegar a ser psicóloga – a carreira que sempre dicía que ía estudar cando era pequena-. Tamén cociñeira – de feito, aínda soña con ter algún día o seu propio restaurante-. Pero a mente inqueda desta grovense, veciña de Compostela, necesitaba algo máis.

Muller emprendedora decidiu montar o seu propio negocio de organización de eventos. Pero non os típicos eventos aburridos, iguais uns a outros… En On y Vá (algo así como o noso “Imos! Veña!” en francés) o que nunca faltan son as sorpresas.

Mais imos ao principio. Cando chega Grace ao sector hostaleiro? No berce! Seu avó abriu un hotel en O Grove que despois rexentaría súa nai. Alí, entre turistas, habitacións e fogóns, viviu ata os 17 anos. “Pero eu non quería dedicarme a iso. Dicía que xamais estudaría hostalaría porque vía aos meus pais traballar de sol a sol”, confesa. “Sen embargo, cando chegou o  momento de ir á universidade tiña moitas dúbidas e miña nai aproveitou a circunstancia para convencerme de entrar no Centro Superior de Hostalaría de Galicia”, recorda. E moi ao contrario do que pensaba… encantoulle! Descubriu as viaxes, os showcookings… un amplo abano de posibilidades de negocio dos que ata entón non se percatara.

Rematou os estudos e a súa primeira gran oportunidade viu da man do proxecto Factoría Compostela, unha galería de arte na nosa cidade que contaba cun espazo gastronómico. Grace era a súa xefa de sala e coordinadora de eventos. “Alí souben ao que me quería dedicar”, sinala.

Por aquel tempo caeu nas súas mans o libro ‘Supper Club’ que falaba de ceas clandestinas feitas na casa.  “Gustoume a idea pero pareceume un pouco precipitada para Galicia naquel momento – atopabámonos en plena crise económica – e decidín marchar a Londres», explica a grovense.

Ao regresar á terra púxose mans á obra e montou a primeira cea secreta en Galicia. Necesitaba un cátering e un lugar singular onde servilo. Escolleu a Galería Trinta, en Santiago. Os comensais non sabían absolutamente nada. Nin onde ían comer, nin o menú, nin a quen ían atopar… Soa arriscado pero… foi todo un acerto! Desde ese primeiro encontro en novembro de 2017, Grace xa organizou ceas secretas nunha chocolatería, nunha praia… “Agora estou facendo tamén festas secretas, que é un formato máis desenfadado, de estar de pé, cuns pinchos…”, afirma. Para estas actividades, conta con distintos provedores e o apoio de marcas como Cervezas Alhambra.

A partir destas ceas deuse de conta de que todos queremos coñecer xente pero moitos, polas súas circunstancias, non teñen oportunidade de socializar. Naceron así os Puntos de Encontro, unha proposta na que a través de dinámicas moi entretidas pódense establecer novas amizades. Pero son este tipo de accións válidas tamén para os máis tímidos? “Por suposto. Recordo un cliente que a primeira vez non falaba con ningúen pero agora é a alma da festa. Todo o mundo ven como esa barreira da vergoña. Preguntan se vou estar eu e queren estar ao meu lado. Pero eu non lles deixo (risos). Son barreiras emocionais que en canto ven que todos están nas mesmas circunstancias, de seguido superan”, aseguran. De feito, son moitos os que repiten en máis dunha ocasión e xa se teñen formado ata incluso parellas.

Da súa estancia en Londres tamén ‘importou’ os chamados Sundays Drama. “Eu vivía en Camden Town nunha casita con dous pisos e xardín e dúas rapazas máis. Os domingos unha das tres sempre tiña algún drama que contar. E como a min me encantan os brunchs, preparaba un, convidabamos á xente a casa, era como unha festa para quitarlle ferro ao asunto. E quixen facelo aquí porque os domingos case non lle gustan a ninguén. Son aburridos. Non hai plans. Así que propúxenlle facelos á Escola Unitaria. Empezan cunha sesión vermú, normalmente hai un mercado, un concerto, algunha actuación de maxia, un dj… Incluso hai actividades para nenos”, explica.

O próximo obxectivo de Grace é preparar un espazo clandestino. “Será un lugar onde pagarás unha entrada pero non saberás o que haberá dentro: pode ser unha festa electrónica, un cabaret… E tampouco vas saber o tempo. Pode ser un espectáculo de dúas horas ou que dure toda a noite”.

Se queres saber cando se celebrarán os próximos eventos de On y Vá, podes consultar a súa web helloonyva.es ou as súas páxinas en Facebook e Instagram.

Grace, en Unitaria. Foto: Iván Barreiro