fbpx

Gargalladas aseguradas con La Fábrica de Impro

La Fábrica de Impro actúa todos os martes na Sala Riquela.
Foto: Iván Barreiro

As noites dos martes na compostelá Sala Riquela son especiais. O espazo énchese para gozar do espectáculo de improvisación teatral de ‘La Fábrica de Impro’, proxecto ideado polo mago Cayetano Lledó, quen leva unha morea de premios internacionais de teatro ás costas. Xunto a el, artistas como o músico Pablo Navas, David Encantado, Jacobo Barros, Rafa Rey da compañía Moving Compass ou Adela B fan rir a gargalladas a un público que sempre está moi entregado. “Para poder improvisar temos comunicación máis aló das palabras, as veces entendémonos coa mirada. Por iso fomento a boa relación entre o equipo, tamén fóra do escenario”, asegura Lledó.

A impro é un espectáculo que bebe das fontes clásicas. “Na comedia da arte había unha serie de personaxes tipo (a doncela, o señor, o servente…). Saían a escena e simplemente dicían: “Hoxe hai lío porque ‘este’ quere deitarse con ‘esta’ e ‘este’ quere os cartos deste outro…” e con iso xa montaban un espectáculo que duraba unha hora”, conta Cayetano. “O que facemos na ‘Fábrica de Impro’ é moi parecido pero denomínase ‘Impro deportiva’. Son xogos curtos, que duran sobre 10 minutos. Para facelo, ao entrar na sala o público escribe nun papel unha frase que quere que apareza no espectáculo. Metémolas todas nun sombreiro e ímolas sacando para facer diferentes pezas de improvisación”, explica.

Algúns dos membros de La Fábrica de Impro, en pleno espectáculo.
Foto: Iván Barreiro

Traballo en equipo

Lledó tamén aclara que non teñen ningún tipo de preparación: “O único que se pode ensaiar na impro é a actitude e a relación co grupo. O que non funciona é o que nós chamamos ‘levarse un tupper de casa’. Unha das máximas é que hai que escoitar ao compañeiro. Imaxina que vas saír ao escenario pensando en ser un arlequín do rei e entón chega o teu compañeiro e antes de que abras a boca di: “Señor policía, eu non o fixen”. Ostras! Xa non son un arlequín! Entón aí entra en vigor a primeira máxima da impro: que é que hai dicir que si a todo, sempre”.

E pregunto: pasa algunha vez que o actor ou actriz non sabe por onde saír? “Continuamente, pero é un xogo de equipo. Se alguén non ten ideas, ten que deixarse levar polos compañeiros. Nese sentido eu digo que é un espectáculo que funciona sempre porque se sae moi ben, é fabuloso, a xente aplaude e vólvese tola. Pero cando os improvisadores o fan moi mal, ves a uns tipos aí sufrindo, que están intentando non irse de morros e evitar o golpe, e a xente tamén ri moito por iso”, apunta divertido.

Nestes anos que levan actuando no Riquela -incluso retransmitindo os shows por Twich nos peores momentos da pandemia- viviron infinidade de anécdotas. Cando lle pregunto por unha, Cayetano recorda aquel intento de ligar con Jacobo dunhas espectadoras que aproveitaron o papel que entregan na entrada para escribir o seu número de teléfono. E é que nestes espectáculos pode pasar de todo! Pero o que nunca falta, pase o que pase, son os risos asegurados.

Se non cho queres perder, as entradas teñen un prezo anticipado de 5 euros e podes mercalas en A Reixa Tenda (Rúa do Hórreo, 46). Ou tamén desde unha hora antes do espectáculo na propia sala por 6 euros.

Foto: Iván Barreiro
Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.