fbpx

Fuxan os Ventos, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2022

Non podía ser doutro xeito. Fuxan os Ventos celebra o seu 50 aniversario na música neste ano 2022 e os Premios Martín Códax da Música entregaránlle ao grupo o galardón honorífico da súa novena edición. Considerados pioneiros e baluartes da música en galego, Fuxan os Ventos constitúe un proxecto histórico, refrendado non só pola crítica e o propio sector musical, senón ademais polo gran público. A súa música chegou a milleiros de persoas e puxo a canción en galego en boca de varias xeracións. O galardón entregarase na gala dos 9º Premios Martín Códax da Música o vindeiro 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde tamén se proxectará un vídeo con entrevista e homenaxe á banda. Fuxan os Ventos, cuxos integrantes teñen previsto algún evento sorpresa neste ano de 50 aniversario, son unha formación unanimemente recoñecida polos grupos e artistas da música galega actual.

Fuxan os Ventos naceu en 1972 en Lugo no seo do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O grupo participou co nome de Folk 72 no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema “Fuxan os ventos”. A partir de entón adoptaron este nome para o grupo. O seu repertorio inclúe composicións propias, da tradición popular e adaptacións de temas poéticos de Manuel María, Darío Xohán Cabana, Marica Campo e Celso Emilio Ferreiro, entre outros. Moitos dos seus temas emblemáticos falan da situación de dependencia económica de Galicia, da lingua e cultura e, tamén, do caciquismo e da emigración.

Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Premios Martín Códax da Música, destacan que Fuxan os Ventos “non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural”. O seu maior éxito discográfico foi “Sementeira”, publicado en 1979; son anos de centos de actuacións, chegando a Cataluña, País Vasco, Lisboa, Bruxelas, París, Zürich, Brest, e mesmo participando en dúas edicións do Festival Intercéltico de Lorient en 1978 e 1979. A banda tamén se mergulla nunha campaña cultural en zonas de montaña, con trinta actuacións en vilas e aldeas de Lugo. A comezos de 1983 saen do grupo Xosé Luís Rivas Cruz “Mini” e Baldomero Iglesias Dobarrio “Mero”, que fundarán A Quenlla, e Fuxan incorpora un trío de música tradicional. Continuarán un ritmo intenso de actuacións ao vivo, dentro e fóra de Galicia, ata que en 1989 fan o seu último concerto en Segovia.

Se ben Fuxan os Ventos para a súa actividade a finais dos oitenta, volveremos a escoitar a música do grupo no século vinte e un. Especial foi o seu regreso aos escenarios en 2008 coa xira “Terra de soños”, que daría lugar a un novo disco publicado ao ano seguinte. Desde aquela non ficaron inactivos e lanzaron nos últimos anos algúns temas vinculados a autores como Manuel María e María Victoria Moreno. Integran Fuxan os Ventos: Antón Castro, zanfona, mandolina, voz, Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz, Pedro Lucas, gaita, frautas e voz, Xoan L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz, Carmen Vázquez, voz, Tereixa Novo, voz, Maruxa Fociños, voz, Alfonso Fernández, voz, e Moncho Díaz, voz, guitarra, frautas.

O galardón honorífico dos Martín Códax 2022 pon de relevo o significado que a música de Fuxan os Ventos tivo para a sociedade galega cun repertorio que foi camiñando do folk á música popular coa prevalencia dunhas letras “ben propias ou de poetas, que abrangueron temáticas moi amplas, en ocasións reivindicativas con temas como a emigración, a autonomía, a ecoloxía e a pobreza, ou recolledoras dunha tradición oral coa que tivo intenso contacto o grupo”. A histórica formación, ademais da web fuxanosventos.gal, mantén actividade nas redes sociais nas que está a celebrar o 50 aniversario con imaxes, diferentes materiais e informacións das cinco décadas de andaina.

Gala 9ª edición o 5 de outubro en Pontevedra

A relación de proxectos finalistas dos Martín Códax, que se desvelaba o pasado 14 de setembro, ofrecen unha ampla perspectiva do panorama musical galego na actualidade. A votación está aberta aos socios e socias de Músicas ao Vivo desde o 15 de setembro ao 2 de outubro. Ademais este ano abriuse a participación tamén ao público, que poderá votar nunha das novas categorías extraordinarias desta edición (Artista do Ano) a través da páxina web dos Premios. A gala desta 9ª edición dos Martín Códax celebrarase o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra; ali coñeceremos todas as propostas premiadas da edición, incluídas as das novas categorías extraordinarias: Artista Emerxente e Artista do Ano. As Bodegas Martín Códax patrocinan os Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo, que contan ademais co apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

Fuxan os Ventos no ano 1972

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.