fbpx
666rpmCompostela

Fran Facal: Instrumentos de tortura

Por César Varela (@imitoaquenson), de Historia do Rock Compostelán

Fotos: David Padín

Pasamos folla ao almanaque e comezamos un novo ano, e con este xa van dous que escribo historietas musicais para a Revista Pincha. Hai uns días, coincidindo co pincho anual da revista, decidín deixarme levar pola nocturnidade da cidade e atopeime con dous musicazos. Un deles é sobre o que falarei no capítulo de hoxe, o Señor Fran Facal. Ganazas tiña de manter unha conversa con este elemento esencial da música compostelá, de sobra coñecido para moitos de vós, e posiblemente aínda un completo decoñecido para outros tantos. O caso é que me apetecía moitísimo somerxerme no mundo da Luthería e coido que dei co artista indicado. Así que, días máis tarde, quedei con Fran para achegarnos ao seu taller e coñecer o traballo que leva realizando desde hai varios anos.

Fran Facal, baterista, percusionista, restaurador e construtor de instrumentos de corda e percusión, ademais de psicólogo, naceu en Carballo no 72, pero leva toda a súa vida pulíndose en numerosas bandas de rock da nosa cidade, que forman parte da súa árbore xenealóxica (Miskatones, Clan Moriarty, Lou Reyes, Ted Lapidus, Degüello, Bakin’ Blues Band, Auténticos Farsantes, Dr. Gringo, Radio Zapa!, …) e no teatro musical, con Fratelli Negroni e coa compañía Obras Públicas.

Despois dunha longa e variopinta viaxe sobre 4 rodas, por fin chegamos ao taller. Foi entrar pola porta e poñerme realmente Pinocho. Aquel agradable olor a madeira (arce, caoba, abeto, cedro, nogueira, ébano, chopo, pino tea…) penetroume polos 6 sentidos e fíxome flotar nunha extraordinaria dimensión infinita e descoñecida.

Fran, que ten un pico que parece un paxaro carpinteiro, explicoume con moitísima claridade e detemento, como crea e restaura toda esta serie de intrumentos musicais (guitarras, baixos, ukeleles, caixóns e outros de pequena percusión) ou un dos que máis me fascinan a min, como é o caso da Cigar Box Guitar, á que ademais lle engade elementos caseiros coma culleres, parafusos, chaves antigas, ferralla en xeral e por suposto, caixas de puros. Para elaboralos e restauralos, utiliza trenchas, serras de man (as súas favoritas son as xaponesas), ademais de lixas e navallas. Fabricar instrumentos non é realmente a súa tarefa diaria, xa que o tempo non lle dá para máis, así que o día a día para el é a restauración e a posta a punto. Amaña desde sitares ata bouzoukis, pero o máis habitual son guitarras acústicas e eléctricas, ukeleles e caixas e baterías vintage. Encántalle enredar no taller e facer tamén corpos para amplificadores e incluso piraguas. Flipei! Podes seguilo na páxina “Madeira e Son” no Facebook.

Declárase gran fan de recoñecidos bateristas coma Ian Paice e Simon Phillips, mais agora mesmo decántase máis por xente con máis Groove, como Steve Jordan, Levon Helm ou Bernard Purdie.

Na actualidade forma parte da banda de Lou Reyes, ten outra máis pop xunto a Juan Ramos (Os Quinindiola), pero a banda á que está agora mesmo máis entregado é a Radio Zapa!, que acaban de presentarnos novo videoclip gravado en directo, e cos que está gravando Lp para empezar a xirar en marzo. Tamén están recuperando o vello repertorio de Miskatones, aos que poderás ver o día 28 deste mes de febreiro, en directo na Sala Moon de Compostela.

Estou case seguro de que o día que me pasei polo taller, posiblemente me tomase as medidas para prepararme un cadaleito, así que, espero non meter moito a zoca neste artigo, senón, non me vai quedar máis alternativa que tocar madeira…