fbpx
CompostelaNovas

Fogos do Apóstolo nun mínimo de oito emprazamentos de Compostela para evitar aglomeracións

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, avanzou algún dos detalles dos fogos do Apóstolo da noite do 24 de xullo. O prego de condicións, aprobado este venres pola Xunta de Goberno, establece que o espectáculo pirotécnico terá lugar, ao tempo e coas mesmas características, en cando menos oito localizacións diferentes na cidade.

Gonzalo Muíños adiantou que as empresas que opten a organizar os fogos terán que escoller alo menos oito destas dez localizacións. Santa Susana, escalinata de Fontiñas (parque de Carlomagno), campo da festa de Amio, Cidade da Cultura, Monte de Deus, parque de Luís Pasín, parque de Eugenio Granell, parque da Almáciga, Granxa do Xesto e Casas Novas. Non obstante, as aspirantes poden ofertar máis de oito localizacións, aspecto que será valorado na puntuación.

Outra das condicións é que o espectáculo pirotécnico teña lugar ao mesmo tempo e coas mesmas características en cada una das localizacións de lanzamento. Ademais do prezo, valorarase o grao de excelencia artística das propostas, tanto pola súa novidade como pola súa harmonía estética, sendo este aspecto artístico o máis valorado. Os fogos comezarán ás 23:30 horas e terán unha duración mínima de 20 minutos.

O concelleiro destacou a “boa acollida” que esta proposta de fogos abertos tivo pola veciñanza e mostrouse convencido de que a xente desfrutará desta “aposta arriscada”, que deixará tamén “unha bonita estampa” de Santiago. Afirmou que serán “uns fogos dignos da cidade nunhas circunstancias especiais”, en referencia á crise do COVID-19 e á obrigatoriedade de evitar a concentración de persoas na praza do Obradoiro.