FestAlegre programa en Santiago dez espectáculos de circo, danza, música e teatro

Un dos espectáculos que se representará.

Dez espectáculos de circo, danza, música e teatro en seis escenarios diferentes. É a proposta da Concellaría de Acción Cultural no programa FestAlegre, que se vai desenvolver na semana do 17 ao 23 de decembro e que será financiado con cargo aos Orzamentos Participativos Compostela Decide.

Catro destas actuacións desenvolveranse no Teatro Principal e unha no Auditorio de Galicia, pero os demais espectáculos terán lugar en espazos que non son habitualmente empregados na programación cultural compostelá, como son a sede da SGAE, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Museo de Historia Natural e a Casa de Europa, todos eles no ámbito da Finca de Vista Alegre.

Tres das actuacións que terán lugar no Teatro Principal son proxectos xurdidos na Berberecheira, o espazo creado por Chévere despois de ter obtido o Premio Nacional de Teatro, para darlle acubillo a proxectos escénicos de xestión colectiva que desbordan o núcleo estable da compañía, pero que utilizan a súa estrutura, coñecemento, proxección e experiencia.  A primeira das propostas, o 17 de decembro ás 20:00 horas, será a montaxe Goldi Libre, un traballo de teatro-documento sobre o movemento da insubmisión nos anos 80 e 90. A obra está feita a partir das propias experiencias de César Martínez e da súa estancia no cárcere durante dous anos, catro meses e un día por non realizar nin o servizo militar nin a prestación social substitutoria. Ao día seguinte, o 18 de decembro, e tamén a partir das 20:00 horas, a actriz Iria Pinheiro subirá ao escenario para representar a súa Anatomía dunha serea. Na montaxe, a actriz conta como viviu o parto do seu fillo, no que foi mutilada e se sentiu estafada e abandonada polo sistema, como outras moitas mulleres en todo o mundo. Xa o día 19, o FestAlegre permitiranos coñecer a obra audiovisual Salvador, de Borja Fernández e Laura Iturralde. Trátase dun proxecto de artes escénicas sobre os movementos migratorios co que se pecha a Triloxía 666, tres pezas escénicas separadas seis anos no tempo.

Finca de Vista Alegre
Tras do arranque do FestAlegre no Teatro Principal, o programa trasladarase á Finca de Vista Alegre, con ata cinco espectáculos nos espazos nela localizados. Na sede da SGAE, Helen Bartels e Mónica de Nut representarán as súas Accións Nimias o 20 de decembro a partir das 20:00 horas; e media hora máis tarde, na sede da Escola de Altos Estudos Musicais poderemos ver o programa Nadal, ti que cantas, da asociación cultural e musical Solfa.

Xa o 21 de decembro, a partir das 18:00 horas, está previsto que o Museo de Historia Natural acolla a representación de A música das árbores, con Anxo Moure e Servando Barreiro. Este é un espectáculo familiar para todas as idades, que conta como o trasno Graciano trata de salvar a música das árbores, que desaparece por mor dos incendios.

Na Casa de Europa están previstos dous dos espectáculos do FestAlegre. O 21 de decembro, ás 20:00 horas, acollerá un recital multidisciplinar do Grupo Oriol con poemas de Eva Veiga. Ao día seguinte, tamén ás 2:.00 horas, haberá un concerto de Cova Villegas e o dúo Delta Galgos, baseado na obra poética de Antonio Gamoneda.

Auditorio e Principal
O FestAlegre pecharase con cadansúa proposta no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal. A primeira, o 22 de decembro a partir das 19:00 horas, será o espectáculo Orquestra de malabares, coa participación da Banda Municipal de Música de Santiago e dos malabaristas Arturo Cobas, Dulce Duca, Dani Fausto, Aitor Garuz, Guillermo Porta, Santiago Montero e Jesús Velasco “Xampi”.

A axenda do festival complétase cunha nova entrega de As raíces na pedra no Teatro Principal. Será o 23 de decembro, ás 19:00 horas, coa participación do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e da Agrupación Cantigas e Agarimos, e centrado na tradición galega dos cantos de reis.

Todas as actuacións serán libres ata completar aforo e só será precisa a retirada previa de convites para o espectáculo do 23 de decembro no Teatro Principal.

Consulta aquí o programa completo.