fbpx

Federico Pérez: «Por unha boa chea de grelos sería infiel»

Por Rebeca Munín

Fede, cheo de grelos, en A Nave de Vidán. Foto: Iván Barreiro

Non, Federico Pérez non cambiou de profesión, non vai ser cociñeiro, nin toleou cortando grelos a esgalla. O destino da foto que vedes neste artigo era a portada da Pincha que ía publicarse en abril e que tivemos que suspender pola crise do Covid-19. Vai sendo hora de amosala ao mundo! 🙂 

Fede pasou o confinamento coñecéndose máis a si mesmo -"Quedoume claro que eu como mestre non valería", admite tras ter que intentalo coas súas fillas- e facéndonos rir con personaxes como Chani - ao que podedes ver comentando películas na súa conta de Twitter - ou Moncho, de 'Era Visto', a serie da TVG que máis sona lle deu e que regresou cun capítulo especial sobre o coronavirus.

Guionista, actor de teatro, cine e televisión, neste ano poderemos velo na serie de Netflix 'El desorden que dejas' e comezará a rodar unha película coa productora Portocabo que promete moito.

Reuninme con el en marzo, en plena tempada de cocidos, nunha mesa do restaurante A Nave de Vidán, do que é socio, e cando aínda podiamos gozar dunha comida compartida entre moita xente. Volveremos a facelo. Mentres tanto, invítovos a ler a nosa conversa e a descubrir algúns dos seus segredos coa sección en vídeo 'A fume de carozo' que veredes ao final deste texto.

Acabamos de facerche unha foto na que estás cheo de grelos. Gústanche?

Creo que o verbo gustar queda curto para dicir o que sinto eu polos grelos. Penso que por unha boa chea de grelos sería infiel. (Rimos)

Seguro que es xente de bar, de taberna…

Moito. Andar polas tabernas gústame moito. Afortunadamente funme arrimando a amigos que tamén o son. As casualidades non existen. Ti vaste arrimando á xente coa que máis encaixas. E nas tabernas empatizamos bastante.

Teño un monólogo que se chama ‘Ración de Breogán’ no que falo moitísimo diso. É como unha realidade paralela. Ti estás fóra, a vida pasa dunha maneira… pero entras nunha taberna e parece que o tempo parou alí. En certas tabernas... Algunhas modernizáronse. As tabernas con WIFI xa son o último, non? (Risos). Pero esa típica vella que atende con ese mandilón de Mucha e Nucha, ese meter o dedo na cunca para beber… (falamos da época anterior ao Covid, claro está!).

De feito, es tanto de bar que es socio de A Nave de Vidán.

Si, eu coñecín a Lois (Lois Lopes, o xerente do local)... ía dicir estudando pero mellor direi matriculándonos en Filoloxía Galega e despois, tanto el coma min, seguimos camiños diferentes. Eu acabei a carreira e grazas a ela empecei neste mundo da actuación. Comecei como asesor lingüístico en 'Mareas Vivas'. A min sempre me tirou un pouco o tema da interpretación. Non sabía como definilo pero sempre me gustou facer o pallaso. Entón tiven a inmensa sorte de poder traballar con xente como Miguel de Lira, Carlos Blanco, Luis Tosar, Mela Casal, etc. E o que estaba aprendendo eu aí... sen formación específica en interpretación... Era como un máster! E pensei: "Xa que estou aquí podo pedir unha oportunidade". E tiven sorte. Déronma. Son un tipo afortunado.

Fede con varios amigos gozando dun cocido (pre-covid) en A Nave de Vidán. Foto: Iván Barreiro

De quen dirías que aprendiches máis?

Como dicía antes, de Miguel de Lira e Luis Tosar en 'Mareas Vivas'. En 'Mar Adentro' con Javier Bardem e Lola Dueñas. Pero diría que quen despertou en min algo foi un frade dun seminario franciscano en Herbón, onde pasei catro anos. Era un amante do cine e poñíanos moitas pelis como 'O Padriño', 'Apocalypse Now', 'O Exorcista', 'Regreso ao futuro'… Foi o meu primeiro cine.

E que me dis dos directores? Quen che aportou máis?

Con Amenábar en 'Mar Adentro', na que empecei como asesor lingüístico pero acabei facendo un papeliño. Pareceume moi curioso porque era un tipo que chegabas alí e non daba a sensación de que fose o director. Sempre cunha tranquilidade á hora de dicir as cousas… Con Jorge Coira tamén medrei moito. '18 comidas' foi unha peli desde a improvisación e agradézolle tanto que contara comigo! Xacio Baño en 'Trote' é un tipo máis peculiar, introvertido, pero tamén foi moi bonito traballar con el. E Alfonso Zarauza, por suposto! A súa película 'Encallados' é, ata o de agora, do que máis desfrutei porque é unha mestura de todo: improvisación, de proxecto particular… Sempre que falo con Alfonso di que cos anos acabará sendo unha especie de peli de culto.


O máis bonito é poñerse na pel, na cabeza e no corazón das persoas que interpretas


Foto: Iván Barreiro

Antes deixáchesnos encherte de grelos. Un bo actor debe estar disposto a facer o que sexa?

Como diría Nacho Vidal, hai que estar disposto a todo! (Rimos de novo) É broma pero si. Sempre se di algo que é moi certo, que a profesión de actor e de actriz permite vivir outras vidas. Está claro que se din: “Tírate por aquí abaixo” igual o pensas… Para iso hai especialistas! Pero para facer case todo si que hai que estar disposto. É un pouco a adrenalina disto. O de dicir: Dios, voume enfrontar a algo, voume meter na pel de…

Que foi o máis raro que che pediron?

Pedíronme unhas cantas… Tanto en 'Era Visto' como en 'Air Galicia', que xa era un programa específico de humor, había moita parodia e acababas disfrazándote de todo. Pero por exemplo, en 'Padre Casares' eu téñome metido no mar coa auga a cero graos, téñome metido nunha granxa de porcos, nun cadaleito… Tampouco nunca pensei que fora facer unha escena de sexo específico, en pelotas, e hai tres anos fíxena na película 'Trote' con María Vázquez. Afortunadamente foi cunha colega coa que había bastante confianza. Neses momentos tratas de pensar como o faría o personaxe. Neses momentos non es ti. Es outra persoa.

Porque os que non somos actores ou actrices non nos damos de conta moitas veces de todo o traballo que hai detrás de cada escena, de cada personaxe…

Efectivamente. Hai un traballo previo. O máis bonito é poñerse na pel, na cabeza e no corazón das persoas que interpretas. Iso pódelo facer por camiños diferentes. Cando estás diante da cámara case é o proceso último.

E en que andas agora?

Ando nun novo proxecto -que non vou desvelar non vaia ser que se torza (sorrí)- con Miguel de Lira e Xosé Touriñán. É unha película que acabará sendo unha comedia, creo que moi boa, pero na que o punto de partida é dramático. Case unha traxedia. Eu creo nesa forma de contar as cousas. É o que máis me gusta. É como a vida mesma. Acabas dicindo: que penoso é o ser humano. E acábaste rindo. Porque realmente somos bastante penosos (Risos). Riámonos de nós mesmos!


A FUME DE CAROZO