fbpx
Entre MúsicasGalicia

Faia Díaz: “Quen diga que cantando en galego non chegas a ningún lado está equivocado”

Por Xiana Lasta @xiana_lastra 

Faia, co seu disco. Foto: Iván Barreiro
Faia, co seu disco. Foto: Iván Barreiro

Quedo con Faia Díaz no Café Casino de Santiago. É unha entrevista especial porque é amiga, mais tamén unha das mulleres que máis admiro da música galega. O seu é carisma desde a sinxeleza, emotividade e orixinalidade, e desde logo unha voz que te acaricia cada vez que a escoitas. Coñecida sobre todo por ser unha das integrantes do grupo De Vacas, está a presentar o seu primeiro traballo en solitario, ‘Ao cabo leirín’. Desde a intimidade e o acubillo das raíces que a unen á nosa terra, tráenos un traballo con aire contemporáneo onde se unen o canto tradicional, espazos sonoros atemporais e videocreacións que captan a esencia de cada un deses momentos. Todo gravado nun rigoroso directo que fai deste disco algo único e irrepetible.

No teu caso, as túas orixes musicais parten claramente da familia, supoño.

Na miña casa sempre se cantou e sempre se escoitou música. Os meus pais son de Fuxan os Ventos. Ese feito marcou moito as súas vidas, e polo tanto tamén a miña e a de miña irmá, tivemos moito contacto coa música tradicional. Miña irmá cantaba nun grupo de pandeireteiras en Lugo, Liñaceira, para min foron fonte de inspiración absoluta cando era pequena e quería ser igual ca elas. Igual que as Spice Girlse igual ca elas (ri). Xa vivindo en Compostela, empecei a ir a clases de canto con varias profesoras e con Ramón (Bermejo), que me falou do Coro da Ra, e entrei.  Aí é onde comezo a sacar iso que eu sempre fixen na casa, no ámbito do íntimo, e a formarme noutros estilos.

Entón co Coro da Racomezas a cantar fóra da casa, fóra do íntimo, mais é co coroEncaixee con De Vacascando acadas a profesionalización, non?

Si, de feito foron os dous proxectos un pouco á par. Con Encaixexa había tempo que faciamos vodas e eventos privados, mais entrar en Oh happy daysupuxo montar todo o repertorio novo, meter novas incorporacións, facer un coro de verdade, máis grande. E coas Vacasdesde o comezo foron todo sempre boas novas e ir in crescendo, é das cousas máis valiosas e importantes que me pasou na vida. Con Lucas Rei levo seis anos locutando e cantando para libros de texto en galego, un traballo que me encanta e do que aprendo moitísimo. Así que a profesionalización 100% puiden acadala combinando proxectos, e traballando coa voz en diversos formatos.

Sempre se di que cantar en galego pecha moitas portas, mais precisamente con De Vacasdesmontades un pouco esa idea porque o voso éxito traspasa “de largo” as nosas fronteiras.

Totalmente. Quen diga que cantando en galego non chegas a ningún lado está equivocado, porque nós comprobamos empiricamente que non é así. Fomos cantar a Madrid ou a Ciudad Rodrigo en galego e todo o mundo nos entendeu. O idioma é unha barreira para quen non quere entender, pero para nós e para o público que goza co que facemos nunca foi unha barreira, e estamos moi felices por iso.

Moito que ver coa nosa lingua e coa nosa cultura en xeral ten o teu novo traballo en solitario. Falemos un pouco del. Comezando polo máis obvio… por que escolliches ese título, Ao cabo leirín?

O nome é o dunha das cancións que van no disco. Significa ao final do leiro, do leiro pequeno, que é unha variante dialectal da zona da que eu son, dos Ancares. Un leiro pequeno. Gustábame utilizar esa forma do noso idioma, que tamén demostra a riqueza que hai na lingua e coa que moitas temos a sorte de estar en contacto e de sentila viva e sentila nosa.

E cales foron as cernas? Cales foron as inquietudes que te levaron a dar o paso de embarcarte neste novo proxecto que, teño que dicir, moitas persoas estabamos agardando?

Ao cabo leirín parte de varios cantos que estiveron sempre na miña cabeza e que están vinculados a diferentes mulleres. Un deles á miña avoa, Manolo mío, que é un tema que me encanta. Creo que a raíz de que ela morrese tiven a necesidade de pasar así o dó. Tiña esta canción metida na cabeza todo o tempo, unha gravación que eu lle fixera co móbil, e decidín metela no disco. Saquei un primeiro vídeo, hai un ano, que foi gravado no Calpe, que xa non existe, polo cal é un documento histórico. E tamén está Marga Pazos presentando o telexornal de fondo, así que outro documento histórico máis… Gustounos moito como quedou, entón a partir de aí pensei en gravar máis cancións seguindo o mesmo esquema.

Trátase dunha posta en valor do noso, do tradicional, pero traído aos nosos tempos a modo de performance?

Para min este disco non é só unha posta en valor do que cantan estas mulleres, senón tamén de como a nós nos son transmitidos estes cantos. Vivimos un cambio de paradigma brutal, nas aldeas xa non vive xente nova e os lugares onde se socializaba musicalmente e todo o mundo cantaba e bailaba, perdéronse. Tamén se perdeu a cotidianeidade coa música tradicional, e a espontaneidade. Ir ao leirín cantando, ir ao muíño cantando… Imaxinas ir á oficina cantando ou coller o autobús para o Polígono do Tambre cantando? Entón, como vivimos estes cantos agora? Gústame velo como unha posta en valor do presente que ten que reinventar todo isto e darlle forma e acomodalo. Por iso que está moi presente o arquivo, diferentes tipos de arquivo que dan mostra dunha forma de cantar e de entender a voz que se está perdendo, moi vencellada ao íntimo, voces espidas e soas, que así tamén se cantaba e así me foi trasmitida a min. 

E do tradicional máis puro e máis espido, cunhas gravacións feitas en espazos sonoros recoñecibles e cotiáns como o eran aqueles nos que esas mulleres cantaban no seu tempo mentres traballaban no campo, por exemplo, xurdiu un disco totalmente contemporáneo e “experimental”. 

O tradicional é moderno. É a base sobre a que construír todo. Eu polo menos son das que penso que, na medida en que sexamos coñecedores e coñecedoras da nosa tradición, podemos construír cousas novas e boas. Sempre foi así, non estamos inventando nada. Cando escoito a voz de Erminda penso que oxalá no futuro as cantantes que queiran cantar ben poidan tela de referente. As nosas mulleres maiores viviron a maior parte da súa vida baixo unha ditadura que maltratou a cultura popular, o idioma, que nos fixo pensar que o noso non valía… esta é a resistencia, é patrimonio inmaterial vivo e rebelde, e sendo mulleres máis. Hai ferida, e aínda seguimos aguantando moito desprezo e indiferenza cara o que nos é propio, rexeitámolo sistematicamente, por iso facer traballos así é atrevido ou experimental, cando non creo que o sexa, ou debera ser o pan de cada día. 

Fálame das persoas das que te rodeaches neste novo traballo.

Está o Hevi, que é a peza máis importante porque é a matrona, axudoume a parir e a atoparlle o xeito. É máis ca un técnico de son ou un produtor musical, é amigo e unha persoa que permite ver máis alá, sen prexuízos sobre como se debe facer música. Despois está Sara, que é a que se encargou do vídeo e da foto. Fixemos xuntas Historia da Arte e fómonos de Erasmus a Italia xuntas, somos moi amigas. Tiña moitas ganas de traballar con ela porque é unha creadora cunha sensibilidade extraordinaria. Fixo unha curta que se chama As vacas de Wisconsinque gañou un montón de premios. Estou moi contenta de ter traballado con ela porque soubo captar perfectamente un traballo que era bastante complexo de entrada, porque era moi abstracto o que eu lle pedía. Era como captar un instante, un momento de cada canción… e ela foi capaz de plasmalo de maneira superbonita e ao seu xeito. Despois está Roi Fernández, que foi quen fixo toda a maquetación e deseño do disco, que quedou fermosísimo, como unha caixiña de sorpresas. E ben, a parte importantísima foron as señoras  que cantan e as súas familias que xenerosamente me deron fotos, falaron das súas vidas, cederon as gravacións… ou sexa que realmente elas son a parte fundamental. E por riba e por baixo de todo está Lolo, a miña parella, foi fundamental e fixo de todo un pouco neste proceso, pero sobre todo camiñamos xuntos na vida, que é onde se aprende todo o que despois aparece nos discos. 

Que agardas deste proxecto? Imos poder verte con el nos escenarios proximamente?

Como todo o que hai no vinilo foi gravado en directo, non hai postprodución de nada… É moi complicado trasladar o que hai no disco a un directo. Foi máis importante a preprodución,  todo o  que ten que ver cun traballo previo. Pero si, tamén me gustaría levalo por directos pequenos que van ser na mesma liña tamén, moi íntimos e onde a voz estea en primeiro plano e bastante espida, sen moito artificio. Pensei nun violín e estou traballando con Cibrán Seixo no espectáculo.