fbpx
CompostelaDe baresGaliciaGastronomíaNovas

Facendo un mundo sostible, dende os bares tamén!

A prioridade do Clem Café é ser ecorresponsable. Foto: Iván Barreiro

Pareceranos mentira, pero dende os bares tamén se contribúe a facer un mundo máis sostible! Se non que llo pregunten a Clemence Aymar, do Clem Café, na rúa de San Pedro, onde a prioridade do local é ser ecorresponsable.

E como fai? “Utilizamos envases biodegradables, hidrosolubles, as tapas para os cafés ou as palliñas son de amidón. Reciclamos. Porque todo ou case todo serve para compost. Temos bolsas de algodón, para que a xente leve a comida, e ademais de ser orgánicas, o recadado por elas vai destinado a Asociación de Nenos Oncolóxicos de Galicia. Temos vasos de bambú, e agasallamos aos nosos clientes cun 10% de desconto nas nosas bebidas, precisamente para promover esta responsabilidade no consumo”.

Canto se pode facer dende un bar para contribuír ao medio ambiente? “Pois intentamos non usar plástico, na medida do posible, a través de envases, tamén na cociña. Optimizamos os recursos naturais, facendo comida estacional con produtos frescos do día, con provedores de proximidade, do Mercado de Abastos de Santiago… Con ingredientes o máis naturais posibles, vexetais, que avoguen polo respecto animal. Intentamos promover o comercio xusto, con materiais biodegradables… Por exemplo, a nivel de bebidas traballamos con xente que produce a súa propia bebida, con bebidas orgánicas, que intentan reducir as emisións, cos viños tamén. Todo a pequena escala!”.

E na cociña como é a cousa? “Utilizamos a cocción tradicional: encurtido, mariñado, fermentado, cocido… E as conservas. Non tiramos nadiña! Facemos marmeladas e salsas coa froita e a verdura madura. Todos os produtos son a granel, para reducir os residuos. As cantidades no local a nivel de menú facémolas da forma o máis racional posible. Que ninguén se quede con fame, pero cantidades xustas, podendo repetir e ofrecemos para levar. Así concienciamos ao persoal e aos clientes. Fomentar o cambio, educar aos nenos, reducir o noso impacto no medio ambiente!”. Ese é o obxectivo do Clem Café.

Clemence abriu o seu bar en decembro do 2019. “Tiñámolo claro dende o principio. Eu teño compostaxe na casa, as sobras do pan lévoas para granxas de animais… Por conciencia. Intentamos ter un impacto social dende a nosa empresa, sobre todo despois do vivido con máis forza aínda. Debemos darnos conta xa! Non daremos ningún paso para atrás. Non hai planeta B. Educo ao meu fillo con esta filosofía”.

E a xente como reacciona? “A xente está encantada. O futuro pode ser diferente. Tense que facer, hai que deixar de ser egoístas. Non é só un gasto este esforzo, é un investimento, mirando ao longo prazo. Porque este tipo de materiais son máis caros, pero o beneficio non só é en cartos. O meu negocio é a miña paixón e pódense facer as cousas de forma diferente, non todo é gañar diñeiro, son os meus principios. É unha decisión de vida. Gañas moito en benestar individual e sobre todo común! Procuro mercar en empresas locais ou galegas, sempre. Hai que darse conta que axudando aos que temos preto, facemos circular os cartos no nosa contorna”.

Clem chegou a vivir a Santiago no 2018. É cociñeira, ademais de ter a carreira de Historia da Arte. E a súa intención é contribuír coa súa cidade, cos seus veciños, traballando no local, facendo país no seu novo niño. Porque o mundo cóidase e faise sostible tamén dende os bares!

Produtores concienciados

Tamén os produtores de bebidas están aportando o seu grao de area! É o caso de Bodegas Lodeiros.

Pablo Lodeiros ri contándonos que o seu avó non entende moi ben por que o seu neto conta algo que se leva facendo toda a vida! “Aquí en Santiago temos un viño chamado Reviravolta, con botellas retornables. Cobramos as botellas e as caixas por separado e cando nolas devolven, reembolsamos os cartos. Desta forma diminuímos os residuos, porque nós lavamos as botellas e reutilizámolas. Facémolo dende sempre! Xa o facía meu avó (rimos!), pero foise perdendo… Parece que vimos dunha etapa consumista, onde non nos preocupabamos por optimizar os recursos nin polo medio ambiente. Non estamos inventando a pólvora. A mensaxe é volver a reciclar, ser sostibles. Non é unha moda. O que nos permite reutilizar é aforrar. É moi interesante a nivel económico, tanto para nós como para o bar, porque estamos falando dun envase a custe practicamente cero, a botella non vai ao lixo. É verdade que hai gastos de lavado, de recollida, pero o importante é este compromiso co medio ambiente e co aforro. Hai que traballar un pouco máis, o cliente ten que almacenar as botellas… Pero estamos moi contentos, está funcionando moi ben. A xente está moi comprometida! Responden moi ben. Hai unha inquietude por facer as cousas de forma diferente. Gustaríanos medrar a nivel Galicia, aínda que é complexo, o tema loxístico, pero pouco a pouco”.

Pero este non é o único proxecto que teñen neste camiño da sostibilidade. O Vermú Lodeiros cambiou a súa botella por outra máis ecolóxica. “É unha botella máis lixeira, con vidro reciclado, reducindo as emisións en produción e transporte. Tamén a etiqueta está feita con residuos de mazá, porque o que intentamos é ter un produto o máis natural e o máis sostible. Por dentro e por fóra, porque para o vermú utilizamos os viños cos menos artificios, sen engadir moito azucre nin alcol e por fóra cero plásticos, eliminámolos dos tapóns e das etiquetas. Ademais dedicamos unha parte dos beneficios xerados do aforro coas nosas botellas, o 3%, a programas ecolóxicos aquí en Galicia. Xa fixemos unha colaboración coa Asociación para a defensa Ecolóxica de Galicia cunha plantación de teixos no Concello de Agolada. E pretendemos facer máis actividades, investir no noso patrimonio natural e involucrando á xente, que colabore o maior número de persoas posibles neste compromiso, con estas ideas. Facer algo bonito por Galicia, que nos permita seguir crecendo e fomentando a nosa filosofía!”.

Cres que esta mudando a forma de proceder? “A inquedanza está aí. Fai uns anos era impensable. Viñamos da idea de que o inmediato era o importante, pero agora somos máis conscientes do entorno que nos rodea, de que o perigo está aí. Había moito interese das empresas por facelo e agora temos a resposta da xente!”.

A pandemia sumará neste punto inflexión nisto? “A miña experiencia dime que aquí en Galicia a pandemia reencontrounos co noso patrimonio medioambiental, coa natureza. Valorar o que se ten o que nos rodea. E mediante estas iniciativas pretendemos non esquecelo. Conseguir que ese pouso bo que sae dalgo malo, que valoremos. Fortalecer o tecido local. É o momento! Insisto non estamos inventando nada, se non valorando o que xa se facía e que é o normal. Non tirar. Aforrar. Consumir local. O sentido común! E comunicalo, para que máis se sumen a este proxecto. Non mirar para outro lado, investir para recuperalo a longo prazo, para que sexa sostible para os que producimos aquí”.

Estades facendo o voso mundo máis sostible? Pois bebede un vermú e facédeo nos bares! Nos de preto. Nos dos amigos, nos dos veciños. Nos que fan país traballando por e para os do seu carón. E ollo!! Lede local tamén, eh! Para iso está a vosa revistiña, a máis riquiña! 🙂