fbpx

Xornadas de Música Contemporánea 2023

When:
1 Xuño, 2023 – 27 Xuño, 2023 all-day
2023-06-01T00:00:00+02:00
2023-06-28T00:00:00+02:00
Where:
Santiago de Compostela

Dez propostas achegarán de novo a música dos séculos XX e XXI a Compostela, nunha nova edición que terá lugar do 1 ao 27 de xuño en varios espazos da cidade, con entradas de balde. As XMC están organizadas polo Auditorio de Galicia, a USC (Vicerreitoría de estudantes e cultura) e o Centro Galego de Arte Contemporánea, e contan co apoio económico da Deputación da Coruña.

A concelleira de Acción Cultural en funcións, Mercedes Rosón; o deputado provincial en funcións, Xurxo Couto; a vicerreitora de estudantes e cultura da USC, Pilar Murias; o director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo xunto ao director -xerente do Auditorio de Galicia Xaquín López, presentaron esta mañá na sala de prensa do concello, unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea baixo o título ‘A voz a escena’.

10 actividades con 4 estreas absolutas e 2 estreas en España

As xornadas celebraranse do 1 ao 27 de xuño e será a musicóloga Rosa María Fernández a que as inaugure cunha charla sobre ‘As dramaturxias vocais fóra da ópera’ que se completará cunha segunda conferencia o día 14 ‘As dramaturxias vocais na ópera’, ambas terán lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

A voz será o fío condutor dunhas xornadas que no musical serán iniciadas pola Banda de Música Municipal de Santiago, cun concerto ‘Ópera na rúa’ que será na Praza das Pratarías, conta co apoio da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Lúa Mosquetera e Javier Otero presentarán no cemiterio de Bonaval ‘O poder das palabras’ un proxecto artístico que mestura poesía e música, será o 2 de xuño.

En caso de choiva ambos concertos pasarán a celebrarse no Auditorio de Galicia.

Unha ‘Ópera de peto’ escrita por Francisco Rodríguez, para voz lírica e formación instrumental e interpretada pola BilbaoSinfonietta, entrelazará diferentes historias tradicionais recollidas na antoloxía Euskal Baladak de Jabier Kalzakorta.

Pola súa parte o Trío Preseli, baixo o nome ‘Do mar e a noite’ estrea en España dúas obras do compositor galés Anthony Randal, Three Poems, sobre versos de Geraint Jones e Do Not Go Gentle Into That Good Night o poema de Dylan Thomas, unha obra maestra da lingua inglesa, e presentarán en estrea absoluta ‘Nao de sangue’ unha obra que o Trío lle ten encargado ao compositor galego Fernando Buíde. Os concertos da BilbaoSinfonietta e o Trío Preseli serán na Sala Mozart do Auditorio de Galicia o 9 e 13 de xuño respectivamente.

Tamén no Auditorio de Galicia, no escenario da sala Ángel Brage, Pulso Ensemble presentará ‘Patio de xogos’. Unha gramática do coidado’, estrea absoluta de nova instrumentación e de texto en galego; unha peza participativa de teatro musical para 30 persoas que terá dúas funcións o 16 de xuño ás 17.30 e 19.00 h.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá o día 20 o concerto de Ensemble Liberdade que nos achegará ao son da música galega de vangarda no século XXI.

Remataremos as xornadas con dous concertos no Teatro Principal o 22 e 27 de xuño: ‘Papagena’ unha ópera electrónica contemporánea do compositor galego Iago Hermo e ‘Insomnia’, estrea absoluta de Vertixe Sonora,cun espectáculo musical, unha ópera contemporánea arredor da nosa actual condición de estar sometidos aos algoritmos (en colaboración con ChatGPT e outras intelixencias artificiais).

As Xornadas de Música Contemporánea están organizadas polo Auditorio de Galicia-Compostela Cultura, Concello de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Universidade de Santiago de Compostela e contan co apoio económico da Deputación da Coruña.

Todas as actividades son de balde ata completar a capacidade dos espazos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.