fbpx

Xornadas de Música Contemporánea

Cuando:
9 septiembre, 2020 – 23 septiembre, 2020 todo el día
2020-09-09T00:00:00+02:00
2020-09-24T00:00:00+02:00
Donde:
Teatro Principal, Auditorio de Galicia, Praza de Praterías

As Xornadas de Música Contemporánea, impulsadas polo Concello, a USC e o Centro Galego de Arte Contemporánea, volven do 9 ao 23 de setembro cunha proposta de media ducia de concertos e espectáculos que traen a Compostela as propostas máis innovadoras do panorama musical contemporáneo.

Nesta aposta pola cultura e produción de proximidade, as formacións musicais galegas cobran unha especial relevancia no programa. Será o TAC (Taller Atlántico Contemporáneo) quen inaugure as Xornadas este mércores, nun concerto que se inscribe na celebración do seu décimo aniversario. O xoves, será a quenda de Suonosuono, unha formación de saxo e violoncello que presenta en ‘Shaping Sounds’ unha proposta que ten o movemento como un elemento central. O movemento é tamén o eixe da proposta de Kukai Dantza en ‘Erritu’, o resultado do seu encontro co coreógrafo Sharon Fridman e que nesta ocasión contará coa participación do Coro da Rá e que se representará o venres 11 no Teatro Principal. 

A semana próxima será o turno de Vertixe Sonora que, cun programa que vai desde Juan Hidalgo a Roberto Morán, pasando por Catherine Kontz e outros salientables compositores contemporáneos, darán un concerto previo á inauguración da mostra ‘Mirar o son’, comisariada por Ignacio Barcia e Iñaki Martínez Antelo. A exhibición reúne partituras non convencionais que, desde mediados do século XX, amosan novas maneiras de achegarse á notación musical nas que a parte visual colle protagonismo. Ambas terán lugar no Auditorio de Galicia o mércores 16 de setembro. 

O xoves 17 a Banda Municipal de Música ofrece na Praza de Praterías un percorrido pola tradición musical americana e europea de música de danza, no seu eixo común de transvase cultural e contemporaneidade. E será a Real Filharmonía de Galicia quen peche as Xornadas o día 23 de setembro baixo a batuta de Maximino Zumalave, cun programa que combina compositores galegos con obras da compositora polaca Grayna Bacewicz. 

As entradas para os concertos estarán dispoñibles a partir de hoxe na web www.compostelacultura.gal e máis no despacho de billetes do Teatro Principal (en horario de martes a sábado, máis os días de evento, de 18.00 a 21.00h.).