fbpx

Xirarei: Deseño de cubertas no disco galego 1955/1995

Cuando:
5 junio, 2020 – 26 julio, 2020 todo el día
2020-06-05T00:00:00+02:00
2020-07-27T00:00:00+02:00
Donde:
Auditorio de Galicia, Santiago
Precio:
Gratuito

A exposición Xirarei: Deseño de cubertas no disco galego 1955/1995volverá abrir este venres, 5 de xuño, no Auditorio de Galicia. Interrompida por mor do cese das actividades culturais durante o confinamento, esta mostra comisariada por Fausto Isorna ve agora ampliado o seu período de exhibición na sala Isaac Díaz Pardo ata o 26 de xullo.

O espazo mantén os días e horarios de visitas habituais, de martes a domingo, das 10:00 ás 14:00 horas e das 16:00 ás 20:00 horas. Non será preciso solicitar cita previa para a visita, pero controlaranse os accesos coa fin de garantir o cumprimento das medidas de seguridade. Tamén se incorporaron sinalizacións gráficas ao longo do percorrido para lembrar ás persoas visitantes manteren as distancias recomendadas. A entrada é de balde.

En palabras de Fausto Isorna, a exposición procura render homenaxe ao vinilo e ao estoxo a través dun percorrido que nos permite relacionar as súas portadas e analizar a presenza de temas recorrentes como a Catedral, Sargadelos, os gaiteiros ou o traxe galego, a paisaxe, a bandeira, reparar nos deseños máis modernos ou minimalistas, nas portadas con fotografías ou naquelas que recollen obras de pintores como Luis Seoane, Laxeiro, Joán Miró ou Picasso.

A mostra –de case 600 discos (entre LPs e sinxelos)– iníciase co disco de Joselín do ano 1955 e enceta unha viaxe por 40 anos de música que levará as e os visitantes pola evolución do noso deseño dende as primeiras portadas xenéricas ata o momento no que adquire verdadeira presenza co agromar de figuras como Pepe Barro, Xoán Piñón ou Victor Aparicio.

O comisario da mostra sitúanos tamén ante da portada do disco como elemento de arte pop pensado dende o punto de vista comercial, como obxecto para vender e chegar ao maior número de lugares. Andrés Dobarro (número un das listas do pop en España), Ana Kiro ou, en menor medida, os Tamara, ilustran a enorme difusión que se acadaba naquela altura.

A escolma non esquece referencias aos selos especializados en música galega como Xistral ou Abrente ou Ruada, a primeira discográfica totalmente galega, que representa un dos máis importantes pasos a prol dunha industria musical no noso país.

Faise tamén un percorrido polo single, ese pequeno formato que coa selección dun tema deu lugar ao que denominamos lista de éxitos, que son o máis representativo da cultura mass media. Artigos, portadas de revista dedicadas as figuras do pop, dous documentais, carteis e unha mostra de pickups portátiles completan a mostra.

A exposición conta con fondos do arquivo da Biblioteca de Galicia e do Consello da Cultura Galega, xunto aos da Casa Museo Manuel María e as cesións de coleccionistas privados e con colaboracións puntuais da Fundación SGAE e Galicia Calidade.