Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional

Cuando:
8 junio, 2018 – 10 junio, 2018 todo el día
2018-06-08T00:00:00+02:00
2018-06-11T00:00:00+02:00
Donde:
Cidade da Cultura de Galicia

Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicionalreunirá na Cidade da Cultura entre o 8 e o 10 de xuño a todo o sector do folclore galego, desde artistas e agrupacións de música, canto e baile tradicional a integrantes de sectores relacionados a nivel artístico, técnico ou artesanal. O encontro contará con máis de 40 actuacións e ata un milleiro de artistas nun evento cultural de primeira orde, onde se amosará toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto amadora como profesional.

Mostra e celebración do noso patrimonio inmaterial

O nome deste I Encontro Galego de Cultura Popular, ‘serán’, é un dos termos cos que se denominaban ás ruadas, foliadas e fiadeiros, as xuntanzas dos veciños nas aldeas e vilas, realizadas varios días á semana despois do traballo, precisamente ao caer da tarde. Os seráns ou ruadas foron clave na supervivencia e transmisión, ao longo de distintas xeracións, da cultura popular e o folclore tradicional galego.

Do mesmo xeito, Serán_01xorde con vocación de ser un verdadeiro evento social dirixido a todo tipo de público, xa sexa parte activa do sector da música e o baile tradicional ou non, contribuíndo tamén a dar a coñecer as nosas artes e patrimonio inmaterial. Ao longo dos tres días, a Cidade da Cultura acollerá múltiples actividades, todas relacionadas coa cultura popular e a danza e a música tradicional. O programa inclúe desde espectáculos e actuacións musicais, a contidos formativos, obradoiros infantís, ademais dunha zona de mercado e exposicións ou desfiles de traxes tradicionais.

Coros, feira, desfile do traxe… e unha gran foliada

Entre os espectáculos máis destacados do Encontro estará o ‘Foliadón’, unha gran foliada, que ao longo de cinco horas reunirá a centos de artistas sobre o escenario. Na festa actuarán man a man desde artistas galegos consagrados, a grupos de música e baile tradicional e informantes –persoas procedentes de aldeas de toda Galicia, auténticos transmisores da nosa cultura tradicional–.

O programa inclúe tamén un Festival Folclórico no que participarán moitos dos mellores grupos de baile tradicional de Galicia; un Concerto de Coros Históricos coa participación de Toxos e Flores (Ferrol) e De Ruada (Ourense); un Desfile do Traxe, con traxes tradicionais antigos e reconstrucións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas; ou unha feira con stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, empresas de servizos… etc.