Trala súa estrea no Centro Cultural de España en Montevideo o pasado mes de outubro, o Salón Teatro de Santiago recibe a Limiar Teatro e Crémilo co espectáculo «Se fosen turistas, levarían gafas de sol». Será desde o 12 de decembro ata o 21 (ambos incluídos) para público xeral e con funcións específicas para escolares. Ademais, os xoves haberá coloquio co equipo artístico ao remate da función.
O proxecto, promovido pola Xunta de Galicia, é unha coprodución do Centro Dramático Galego, Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa, Cía. Nacional de Fósforos de Buenos Aires, Comedias do Minho e O Mura de Montevideo.
“Se fosen turistas, levarían gafas de sol” é unha comedia que reflexiona sobre a nosa emigración pasada e presente, sobre os que se foron, os que quedaron e os que acolleron. Un proxecto sobre a memoria e desmemoria con nove artistas en escena procedentes de Galicia, Portugal, Arxentina e Uruguai que fusiona teatro e música en directo.
A dirección e a dramaturxia son de Fran Núñez e a dirección musical de Brais Iriarte, con Iván e Mariano Solarich en escena acompañados de Manuel Coelho (cedido polo Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa), Cristian Palacios, Juan Caputo, Brais Iriarte, Fran Núñez e Martina e Magdalena Fernández.
A peza conta a historia de separación de Chelo e Pacita no porto de Vigo nos anos cincuenta do século XX. Unha queda en Galicia mentres que a outra emigra a Uruguai. Outros personaxes son Fran e Brais, os netos de Pacita, ou Martina e Magdalena, as netas de Pepe, o primeiro irmán que emigrou.
O espectáculo busca profundar na memoria da emigración como metáfora do presente a partir das historias persoais do equipo. Aínda que o tema de partida é profundo e emotivo, o traballo resultante é unha celebración da vida, da supervivencia, do camiño percorrido. Desde a nostalxia, desde o humor, desde a metáfora pero tamén desde a crueza do presente. “Calquera tempo pasado non foi mellor, aínda que así tentamos lembralo a pesares de que a memoria sexa un arma que se dispara sen querer”, explica a compañía.
A música créase en directo mediante loops, disparadores electrónicos, pedais e procesadores. Mesmo a manipulación da iluminación en mans dos intérpretes e o uso de micromappings fan de “Se fosen turistas, levarían gafas de sol” un espectáculo único e especial. “Un concerto danzado, unha luz narrada”, segundo os seus creadores.
Trátase, ademais, dun espectáculo realizado en residencias artísticas en Portugal, Galicia, Arxentina e Uruguai, que terá viaxado ata fin de ano por Uruguai, Arxentina e España con máis de trinta funcións.
Datos
Do 12 ao 21 de decembro 2019
Xoves, venres e sábado ás 20.30 horas
Domingo ás 18.00 horas
Venda de localidades en entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Salón Teatro