Desde hai anos no Museo do Pobo Galego, coincidindo coa data sinalada do 8 de marzo, véñense celebrando actividades dirixidas a avivar o debate, a reflexión, a conciencia e a memoria ao redor da perspectiva de xénero.
Na mostra O eco das amazonas, Baldomero Moreiras dá forma a un gran retablo de mulleres, que ao longo da Historia deixaron a súa pegada en campos tan diversos como a música, a arte, a ciencia, a literatura ou a política. Desde Hipatía de Alexandría, Inés de Castro, Artemisia Gentileschi, a Zaha Hadid, Maruja Mallo ou María Casares, o autor vai mostrando a súa admiración polo labor, moitas veces silenciado, de mulleres ás que se rende homenaxe, sacándoas do esquecemento.
A esfera, símbolo de “harmonía co universo”, é o orixinal soporte que o pintor utiliza para dar forma a cada unha das protagonistas. A xestualidade da pincelada, o cromatismo vivo de azuis, vermellos e verdes, así como ese axuste entre figuración e abstracción acaban por articular o soño da pintura á realidade de cada unha das biografías.
Esta mostra é froito da colaboración entre os concellos de Ourense e Celanova co Museo do Pobo Galego.
Horario:
De martes a sábado:
10:30 -14 horas // 16 – 19:30 horas
Domingos e festivos:
11 – 14 horas
LUNS PECHADO