III SELIC Semana do Libro en Compostela

Cuando:
7 junio, 2019 – 16 junio, 2019 todo el día
2019-06-07T00:00:00+02:00
2019-06-17T00:00:00+02:00
Donde:
Praza da Quintana

A praza da Quintana acollerá dende o 7 e ata o 16 de xuño a III edición da SELIC, a Semana do Libro de Compostela. Novamente, a exposición de librarías e editoriais irá acompañada dun amplo programa de actividades ao redor da literatura, con presentacións de libros, propostas infantís ou actuacións musicais. Nesta ocasión, a cidade invitada será La Habana, «para deste xeito sumarnos dende Santiago á celebración do 500 aniversario da capital cubana».

A concelleira de Acción Cultural en funcións, Branca Novoneyra, presentou hoxe a III edición da SELIC, acompañada por dous dos integrantes da Mesa do Libro, Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, e Celia Recarey, de Irmás Cartoné; e por Suso Vázquez, de Desescribir, deseñador da imaxe desta Semana do Libro. A concelleira incidiu en que «a SELIC é unha proposta que cremos consolidada nesta súa terceira edición, un modelo que se demostrou exitoso porque foi deseñado atendendo ás demandas do sector». Por iso, expresou a súa confianza en que «a Semana do Libro de Compostela teña unha longa vida por diante, porque é unha maneira de reivindicar a Compostela Literaria e de aproveitar o seu enorme potencial».

Ademais, Branca Nonvoneyra reivindicou a conveniencia de «darlle continuidade á Colección SELIC, que desta volta incorporará as obras gañadoras dos I Premios SELIC de Creación Litetaria». Trátase dos traballos Realness, de Fernando Epelde García; e de A cidade e a chuvia, de Rafa Vilar. Tamén se reeditará unha obra de Agustín Magán para formar parte da colección.

Programación
Segundo a concelleira, a SELIC  «volve estar pensada, non tanto como unha reunión de expositores, senón como un evento no que o libro e a literatura serven fío condutor para ducias de actividades dirixidas a públicos moi diferentes». Novoneyra salientou que a programación «volve prestar unha especial atención ao público infantil, ao que é preciso chegar para garantir que teñamos bos lectores e lectoras no futuro». Así, para os nenos e as nenas haberá obradoiros de creación de banda deseñada ou de minicontos, actuacións musicais de nomes tan recoñecidos polas crianzas como o de Paco Nogueiras, contacontos ou representacións teatrais.

No programa da Semana do Libro de Compostela incluíronse tamén varios paseos guiados pola cidade, como o que dirixirá X.A. Perozo para descubrir «as lendas veridicamente falsas de Santiago»; o deseñado por Helena Villar «acerca das palabras», o proposto por Inma López Silva «sobre a Compostela dos libros propios e alleos» ou o que terá como guía a Manuel Portas. Na SELIC haberá tamén moita música, coa participación de Grampoder, Jamila Purofilin, Sergio Cobos, Xurxo Souto ou aCentral Folque. Haberá tamén teatro e recitais poéticos.

En canto ás presentacións de libros, pola carpa da praza da Quintana pasarán autores como José de Cora, Estevo Craus, Lucía Aldao, Paula Carballeira, Cristina Domercq ou María Xosé Porteiro. Serán moitos outros autores e autoras os que participen nas moitas conversas e mesas redondas incluídas no programa, como Diego Ameixeiras, Alejandro Tobar, Sixto Gómez Echemendia, Jean Pierre Garnier, Susana Aríns ou Celso Fernández Sanmartín.

Como na pasada edición, a SELIC poderá visitarse de luns a venres polas tardes, e os sábados o domingos en horario de mañá e tarde. Está confirmada a participación de 32 expositores, entre editoras, librarías e institucións públicas como o propio Concello de Santiago, a Biblioteca Ánxel Casal ou a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén haberá un espazo para a cidade invitada deste ano, La Habana, que compartirá coa Deputación da Coruña