I Semana da Novela Negra

Cuando:
6 abril, 2018 – 15 abril, 2018 todo el día
2018-04-06T00:00:00+02:00
2018-04-16T00:00:00+02:00
Donde:
Barrio de San Pedro

A primeira edición da Semana da Novela Negra celebrarase no barrio de San Pedro entre o venres 6 e o domingo 15 de abril. A acción está promovida pola Libraría Pedreira e conta cunha serie de actividades arredor deste xénero, tanto en narrativa como en banda deseñada, ilustración, cinema… Levaranse a cabo coloquios, debates e presentacións coa presenza de escritores e escritoras de prestixio na literatura galega como Ledicia Costas, Elena Gallego, Miguel Anxo Fernández ou Diego Ameixeiras.

Como fío condutor das actividades, grazas á colaboración do escritor Héctor Cajaraville, creouse un misterio para que a xente que o desexe poida resolver: a desaparición no ano 2006 dun personaxe ficticio, Emilio Bugallido Matalobos, cuxo corpo apareceu neste 2018.

Como antesala das actividades do 6 ao 15 de abril, dende esta mesma semana haberá unha serie de pistas repartidas polo barrio de San Pedro, nos 20 locais e comercios colaboradores, que permitirán identificar quen está detrás desta desaparición. Ao modo das clásicas novelas de misterio, existen varias persoas sospeitosas, cuxas testemuñas se poderán ler en documentos repartidos polos locais participantes.

Para facilitar o labor, hai 10 fragmentos dun relato onde se conta toda a historia de Emilio, e que se poderán atopar coa compra dos produtos marcados co distintivo da Semana da Novela Negra. A primeira persoa que acerte recibirá como premio un pack consistente nunha cea, un agasallo e unha cartilla con vales desconto nos establecementos do barrio participantes, con validez para consumir os cupóns durante todo o 2018. Tamén haberá 20 cartillas con vales desconto para o resto de persoas que resolvan o misterio, que se coñecerá o 14 de abril.

Nesta primeira edición, xunto á Libraría Pedreira, hai 19 establecementos máis do barrio que colaboran nesta actividade de dinamización comercial. Son: Café Bar Caraveliños, Café Bar Home Santo, Café Bar Oroña, Cervexería Merlego, Como Pez en el Agua, Cuadros Asorey, Delicias Canarias, El Taller de Fer, Escola Unitaria, Floristería Embora, Libraría Chan da Pólvora, M&M Ópticos, Mononoke, Óptica M&S, Pastelería Lambona, QueroTé, Restaurante A Moa, Restaurante O Dezaseis e Restaurante TS A Casa. Algúns deles realizarán actividades relacionadas coa novela negra ou de misterio, as cales se irán dando a coñecer a través das redes sociais e outros medios de difusión. Outros crearán especificamente escaparates, cócteles, doces ou calquera outro produto.

Esta Semana da Novela Negra tamén busca ser unha semente que permita desenvolver outro tipo de propostas posteriores no barrio, como un circuíto de locais onde de forma periódica (semanal ou mensualmente) se desenvolvan actividades relacionadas co tema.