Galicreques

Cuando:
12 octubre, 2019 – 20 octubre, 2019 todo el día
2019-10-12T00:00:00+02:00
2019-10-21T00:00:00+02:00
Donde:
Teatro Principal, Fundación SGAE, Praza do Toural, Alameda

O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago, celebrará a súa 24º edición entre o 12 e o 20 de outubro cunha ampla programación que ofrecerán un total de 25 compañías, tanto estatais como internacionais.

Neste ano, Galicreques inclúe máis de 50 funcións que se repartirán nos escenarios do Teatro Principal, a Fundación SGAE, os centros socioculturais de Santa Marta, a Trisca, o Ensanche, Vite, Conxo e o Castiñeiriño, como tamén locais comerciais como a Matrisoka Tenda ou O Besbello Bar Cultural. Ademais, un ano máis, a presenza de Galicreques farase notar en prazas como o Toural ou na xa tradicional carpa que o festival instala na Alameda.

A programación volverá contar cunha marcada presenza internacional, ao incluír profesionais e compañías procedentes de Francia, Perú, Bosnia, Arxentina ou Portugal, ademais de formacións procedentes de Castela-A Mancha, Valencia e Madrid. Ademais, este ano Galicreques ofreceralle ao público compostelán un total de sete estreas.

Unha das producións máis destacadas no panorama galego chegará da man de Producións Teatrais Alakrán, que presentará Finisterrae, o último ultramarinos no Galicreques. No apartado estatal, dúas serán as estreas procedentes doutras comunidades autónomas. Dende Madrid, chegará ao festival a estrea de Pazzzzzz, da compañía madrileña La Mar de Marionetas, e dende, Valencia , Triestitelles dará a coñecer o seu espectáculo El viaje a la Luna, Le voyage dans la lune. No panorama internacional, Galicreques ofreceralle ao público compostelán as novas producións de tres compañías arxentinas: Tres Tigres Teatro, Teatro Piedra Libre e La Pelela Títeres. A última estrea que ofrecerá o festival nesta vixésimo cuarta edición será El Barrendero, de Mad Compass, unha coprodución que une as forzas de artistas procedentes de compañías galegas, francesas e italianas.

Trece funcións escolares
Un ano máis, a creación de públicos será un obxectivo primordial de Galicreques, que inclúe un total de trece funcións escolares entre o luns 14 e o venres 19. Máis de 1.000 rapaces e rapazas de centros de ensino acudirán a programación escolar, que se desenvolverán na Fundación SGAE, no Teatro Principal e no Centro Sociocultural de Santa Marta.

Precisamente, os centro socioculturais serán un dos puntais da programación deste ano. Galicreques, coa intención de achegar o xénero dos monicreques ao público dos barrios, ofrecerá un total oito funcións, de maneira que, aos escenarios tradicionais do Teatro Principal, a Fundación SGAE ou o xa citado de Santa Marta, cómpre engadirlles os centros da Trisca, Vite, Fontiñas, Conxo ou o Castiñeiriño. Todos estes centros de xestión municipal acollerán funcións de diferentes compañías, realizando un exercicio de proximidade e de integración cultural dos barrios.

Por outra banda, Galicreques converterá diferentes espazos da cidade en escenarios para as actuacións de rúa, procurando xerar así un vínculo de proximidade co público compostelán. Así, o sábado 12, día inaugural do festival, a praza de Praterías acollerá ás 13:30 horas a actuación Limpiabotas, de Mad Compass. E o domingo, á mesma hora, a compañía galega Fantoches Baj representará o pasarrúas Velocíclopes pola Alameda, a rúa do Franco, a praza de Praterías e o Toural. Esta última praza acollerá tamén os obradoiros para a rapazada impartidos por El Trastero de Lúa. A Alameda, finalmente, será un ano máis outro punto neurálxico do Galicreques, xa que a carpa do festival acollerá o groso das actuacións na fin de semana do sábado 19 e domingo 20.

Compañías galegas
O programa deste ano inclúe un total de 25 compañías, das cales once son galegas: Títeres Cachirulo, Títeres Brincadeira, Spaguetti Títeres, Fantoches Baj, Larei Lará, Danthea Teatro, Producións Teatrais Alakrán, A Xanela do Maxín, Mircromina Teatro, ART-Monium ou Teatro de Marionetas Trécola. Do resto de España chegarán compañías de Madrid (La Mar de Marionetas), Valencia (Triestitelles) ou Castela-A Mancha (Títeres Larderos). No plano internacional, chegarán formacións de Arxentina (Chachakün, Tres Tigres, La Pelela Títeres) e Portugal (Marionetas da Feira), así como compañías formadas por profesionais de Bosnia e Perú (como é o caso de Gaia Teatro) ou de Francia e Italia (Mad Compass).

Consulta aquí o programa completo.