Festival Internacional de Cine Rural de Galicia “Carlos Velo”

O Festival Internacional de Cine Rural de Galicia “Carlos Velo” reinvéntase nunha nova edición que terá lugar durante os días 12 a 16 de decembro en Santiago, e no marco do proxecto CultRural, que converterá Compostela na capital da Cultura Rural.

Organizado e promovido polos colectivos Arraianos e Lareira Pop, coa colaboración do Concello de Santiago, cinema, parladoiros, visitas, obradoiros, gastronomía… son algúns dos ingredientes que conforman CultRural, un evento pensado para potenciar e achegar o eido rural á cidadanía.

Nesta edición do 2017, o FICRural recibiu un total de 326 curtametraxes (263 en categoría de ficción e 63 documentais), incrementando notablemente a cifra de anteriores edicións, e que competirán para estar entre as dez finalistas para a valoración final dun xurado composto por expertos e profesionais do sector. Procedentes de países como Dinamarca, Reino Unido, Cánada, Hungría, Rusia, India… cabe destacar a participación de países de Sudamérica, como Brasil, Arxentina, Chile, Colombia… e, como non, México, onde Carlos Velo, nado en Cartelle, Ourense, se converteu nunha figura clave do cinema a nivel internacional. A eles sumánselles, evidentemente, curtametraxes documentais e de ficción feitas en España e Galicia.

A equipa de selección destaca un ano máis a calidade dos traballos presentados cos que se pretende ensalzar e traer ás pantallas todo o que xira ao redor do rural en todo o mundo, así como da repercusión que o evento acada alén das nosas fronteiras, tal e como o amosan a cantidade e os países de procedencia das curtametraxes.