Fémina sapiens e Té con Kant

Cuando:
14 diciembre, 2017 a las 8:30 pm – 10:30 pm
2017-12-14T20:30:00+01:00
2017-12-14T22:30:00+01:00
Donde:
Salón Teatro
Precio:
10 € (6€ con descontos)

O programa En Residencia do Centro Dramático Galego acolle a compañía galega Inversa Teatro para poñer en escena os seus dous últimos espectáculos no Salón Teatro de Santiago de Compostela: Fémina sapiens (xoves 14 e venres 15, ás 20,30 h.) e Té con Kant (sábado 16, ás 20,30 h., e domingo 17, ás 18,00 h.).

Ambas as propostas afondan na liña de traballo emprendida por esta compañía de teatro contemporáneo desde a súa creación en 2009 para propoñer unha reflexión arredor da filosofía e do feminismo desde unha perspectiva traxicómica. Durante a súa estadía no Salón Teatro ofrecerá, ademais, un pase matinal para centros educativos de cada un dos títulos: o xoves 14, ás 11,00 h., de Té con Kant e o venres 15, á mesma hora, de Fémina Sapiens.

Solo teatral

Fémina Sapiens formula a pregunta de se é posible a evolución desde o aspecto Sapiens ou se, pola contra, somos máis proclives á involución. Marta Pérez é a autora e intérprete deste solo teatral, dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio, no que dá vida a Fémina Sapiens. O cómico e o tráxico mestúranse, ao tempo que a protagonista tenta buscar o elo perdido entre a racionalidade e moralidade, pasando polos estadios íntimos de violencia existentes en tres relacións fundamentais: a amizade, a familia e o amor.

Té con Kant tamén conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica, xogando co humor e a ironía para obter unha peza próxima ao formato de teatro didáctico-conferencia. Marta Pérez asina o texto, a creación e a dirección da montaxe con María Caparrini, ademais da interpretación xunto a María Roja.

Nesta produción, Johanna Gottfried e Theodora Krauss son dúas mulleres ilustradas chegadas á nosa época nunha viaxe no tempo desde a Prusia do século XVIII. Unha vez aquí tentarán exercer como axitadoras filosóficas coa pretensión de remover e promover a reflexión e a acción do público a partir das ideas do seu amigo o filósofo Inmanuel Kant.