Feira do Libro 2023
Once librarías participantes, preto dun centenar de autores, máis de 50 citas culturáis e lúdicas e un pregón a cargo do poeta e escritor Ismael Ramos, que ven de presentar a súa primeira obra de narrativa; a Feira do Libro 2023 de Santiago de Compostela, que abrirá as súas portas no Paseo da Alameda o vindeiro sábado 29 de abril, promete nove días de ocio, cultura e, sobre todo, boas letras, na capital galega.
O acto inaugural, que contará coa presenza institucional da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostera, terá o acompañamento musical da Banda Municipal de Música de Santiago, e está previsto para as 12:30 horas do vindeiro sábado. Dende ese momento, e tras o pregón do novísimo escritor Ismael Ramos, unha semana e un día ininterrompidos de celebración da literatura e da ledicia lectora no epicentro do concello compostelán.
A Feira do Libro de Santiago é a segunda dentro do circuito anual de Feiras do Libro coordinado pola Federación de Librarías de Galicia, que conta co finanzamento público da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a área de Cultura da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela, e a colaboración privada de Cafés Candelas.
PODES CONSULTAR AQUÍ O PROGRAMA COMPLETO.