Exposición Galicia, de Nós a nós

Cuando:
1 octubre, 2020 – 31 octubre, 2020 todo el día
2020-10-01T00:00:00+02:00
2020-11-01T00:00:00+01:00
Donde:
Museo Centro Gaiás

O Museo Centro Gaiás acollerá o próximo mes de outubro Galicia, de Nós a nós, a segunda exposición do Xacobeo 2021 centrada no centenario da publicación da revista Nós e no legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron co seu labor, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.

A mostra, que sucederá á exposición Galicia, un relato no mundo, estaba prevista inicialmente para finais de maio, pero tivo que ser reprogramada polos efectos da crise sanitaria da covid-19.

Trátase dunha exposición realizada pola Xunta en colaboración coa Deputación de Ourense que está comisariada polo investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña. Agárdase que, tras o seu paso pola Cidade da Cultura, teña unha itinerancia completa na cidade de Ourense en febreiro de 2021.

Aspira a ser a mostra máis completa realizada ata agora sobre a Xeración Nós, co obxectivo comunicar á sociedade a transcendencia do que, xunto ao Rexurdimento, é probablemente o momento histórico máis relevante de conformación da cultura e identidade galega. A exposición reflectirá o compromiso coa memoria e o legado dunha xeración que agrupa aos considerados “pais do galeguismo contemporáneo”. Coa ollada posta no público xeral e nas xeracións más novas, actualizarase a relevancia das figuras que formaron parte dela.

O proxecto reivindicará a vixencia de principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador de Galicia.