Escenas do Cambio

Cuando:
1 febrero, 2018 todo el día
2018-02-01T00:00:00+01:00
2018-02-02T00:00:00+01:00
Donde:
Cidade da Cultura de Galicia, Teatro Principal, Salón Teatro, Sala Agustín Magán, CGAC

Rodeados de restos de automóbiles en proceso de arranxo. Así se presentou a cuarta edición do Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción ‘Escenas do Cambio’, que se celebrará de novo en Compostela do 1 ao 10 de febreiro de 2018. Un total de 13 espectáculos de cinco países diferentes (España, Portugal, Marrocos, Siria, Francia e Italia) serán os que se representarán en lugares como a Cidade da Cultura, o Teatro Principal, o Salón Teatro, o CGAC ou a Sala Agustín Magan, no centro sociocultural de Santa Marta.

“Non son pezas para espectadores pasivos. Son para vivir unha experiencia”, sinalou o director artístico do festival, Pablo Fidalgo Lareo. Fíxoo na planta de Trameve de despeces e repostos automobilísticos, situado no Polígono do Tambre, como xesto cómplice cunha das montaxes, ‘Garage’ de Voadora, na que se aborda o papel da muller no mundo da industria do motor; e que, en coprodución con MA Scène Nationale – Pays de Montbéliard, foi representada por primeira vez este ano en Francia. Na súa estrea en España para este festival as protagonistas serán actrices non profesionais, as traballadoras de PSA Peugeot Citroën de Vigo. Este será un dos espectáculos con selo galego, xunto con Estela Lloves, Félix Fernández e IlMaquinario.

Maior presenza da danza e da arte en movemento

Nesta cuarta edición a danza e a arte en movemento, sempre cun papel destacado no certame, eríxense cun especial papel protagonista non só pola cantidade, senón pola calidade. Será unha proposta, inscrita nestas disciplinas, ‘Antonio y Cleopatra’, do prestixioso escritor e director do Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa, Tiago Rodrigues, a que abra Escenas do Cambio o 1 de febreiro, tras presentarse en inglés, francés e portugués en teatros de todo o mundo.

Nesta mesma corrente artística inscríbense as propostas de Israel Galván, Mohamed El Khatib, Miguel Pereira, Estela Lloves, Xavier Le Roy e Mithkal Alzghair que irán alternándose no programa coas propostas escénicas de Edurne Rubio e Daria Deflorian & Antonio Tagliarini; as musicais de Mursego e Maria Arnal & Marcel Bagés ; e a performance feita ex profeso para Escenas de Cambio de Félix Rodríguez.

O director artístico do festival erixe a disidencia como a “esencia” común de todas as creacións presentes neste Escenas do Cambio 2018. Así, inscribe na “disidencia” a forma de entender a morte de Mohamed El Khatib; a explicación da brutal guerra de Siria de Mithkal Alzghair ; a ensinanza de pensar desde o corpo de Xavier Le Roy; o feito de bailar nunha biblioteca de Israel Galván; e no traballo desde Bruxelas, a partir dunha experiencia familiar “única e abraiante” de Edurne Rubio.

Do mesmo xeito, Pablo Fidalgo inxire na disidencia o “berro, pranto e canto dun pobo enteiro” que emerxen nas letras dos cataláns Maria Arnal e Mursego; e tamén a “resistencia e subversión” dos traballos de Deflorian, Tagliarini e Miguel Pereira.

Á rolda de prensa asistiron, ademais de Fidalgo, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Rebordo; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra: o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil:  a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira; membros do equipo artístico de Voadora; e o xerente da planta de Trameve, Luis Penido. Neste festival colaboran o INAEM, o Concello de Santiago, o Centro Dramático Galego, a Agadic, o Instituto Français, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Camões – Instituto da Cooperação e da Língua.

Entradas

As entradas de Escenas do Cambio 2018 estarán á venda a partir do 1 de decembro en www.escenasdocambio.org. De igual xeito, a partir desa data e na mesma páxina web xa se poderá consultar todo o contido do festival polo miúdo.

En www.escenasdocambio.org tamén se facilitará información para as inscricións do obradoiro impartido polos portugueses Sofia Dias e Vitor Roriz, que compartirán algunhas ferramentas de investigación e improvisación que se producen nos seus procesos creativos como coreógrafos e que está aberto a calquera persoa interesada na interpretación con ganas de experimentar en novas técnicas.

Do mesmo xeito, será nesta páxina web onde se dan a coñecer os trámites para inscribirse en #Fogar, o espazo de encontro sobre teatro bibliográfico que impartirán os días 2, 3, 4, 8, 9 e 10 de febreiro Melania Cruz e Tito Asorey, de IlMaquinario Teatro. Esta actividade está dirixida a persoas vencelladas coa creación escénica (intérpretes, músicos, performers, directores, dramaturgos…).