Encontro de jazz do Concello de Ames

Cuando:
9 junio, 2018 a las 10:00 pm – 11:30 pm
2018-06-09T22:00:00+02:00
2018-06-09T23:30:00+02:00
Donde:
Pazo da Peregrina (Bertamiráns)

O vindeiro sábado, 9 de xuño, os exteriores do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleran unha novidosa actividade que pon en marcha a Concellaría de Educación e Cultura. Trátase do primeiro encontro de Jazz no que actuarán os grupos Pablo Castaño Quartet e Sumrrá. O obxectivo do Concello de Ames é ir consolidando e fortalecendo este evento, así como ampliar a organización de outras actividades relacionadas co jazz, para tratar de poñer en valor esta disciplina musical, tendo en conta a calidade artística que existe  en Ames a nivel musical.

O concelleiro de Educación e Cultura de Ames, David Santomil, destacou que “é a primeira edición dun Encontro de jazz, que se enmarca dentro do contexto do programa Cultura no Camiño.Polo concello de Ames discorren dous dos principais Camiños de Santiago; o Camiño Portugués e mailo Camiño de Fisterra-Muxía. Xustamente dentro deste programa desenvolvemos este evento que conta cun cartel impresionante, xa que as dúas bandas que van actuar son locais e son referentes a nivel galego, estatal e internacional. Estamos falando duns músicos de máxima calidade e gran recoñecemento internacional, que temos a sorte de que actúen aquí en Ames. Agardo que sexa un éxito e que moitas familias poidan gozar dun serán de jazz, que é unha disciplina que ata o de agora non se explorara dende o Concello”.

Xacobe Martínez, integrante do grupo Sumrrá, explicou que “sempre que nace unha nova iniciativa deste tipo para poder achegar a nosa música ao público é fantástico. Nós, ademais, que somos veciños de Ames fainos especial ilusión actuar aquí. Ao mesmo tempo é unha responsabilidade para nós porque é o primeiro Encontro de jazz que se fai en Ames, pero estamos encantados de que dende o Concello entenderan que é necesario un evento deste tipo. Creo que vai ser unha noite máxica no Pazo da Peregrina porque ten un recollemento ideal e unha acústica moi boa. Danse todas as circunstancias para que sexa unha gran noite de jazz”.

Sumrrá é un trío de Jazz galego, formado en 2000 por Manuel Gutiérrez ao piano, Xacobe Martínez Antelo ao contrabaixo, e LAR Legido á batería. En 2014 recibiu o Premio Martín Códax da Música na categoría de jazz / músicas improvisadas. No concerto que ofrecerán Ames presentarán o seu último disco e segundo dixo o propio Xacobe Martínez “é unha boa oportunidade para escoitar a música que nós facemos”.

Por outra banda, Pablo Castaño, membro do grupo Pablo Castaño Quartet, incidiu en que “Ames ten un gran potencial a nivel musical. Aquí no noso concello hai unha gran cantidade de músicos. Este evento servirá para que a veciñanza se achegue ao jazz e a músicos locais que viven neste concello. Estou dobremente contento por tocar en Ames e porque estou presentando o meu primeiro CD e vou poder facelo aquí. A presentación será o día 2 de xuño no Teatro Colón, na Coruña, e de seguido xa chegaremos a Ames para presentalo aquí tamén. Vai ser unha noite máxica xa que o Pazo da Peregrina vai a estar especialmente iluminado para este Encontro de jazz que seguramente será un éxito”. O cuarteto de Pablo Castaño está composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería.