fbpx

Edición Limitada

Cuando:
4 septiembre, 2020 – 27 septiembre, 2020 todo el día
2020-09-04T00:00:00+02:00
2020-09-28T00:00:00+02:00
Donde:
Pazo de Faramello
Do 4 ao 27 de setembro, o Pazo do Faramello volve retomar a actividade cultural que o caracteriza cun proxecto multidisciplinar baixo o título ‘Edición Limitada’. Nel, música, gastronomía e visitas guiadas ao propio Pazo unificaranse en 5 propostas diferentes e gastrúnicas para as que xa se pode facer a reserva de xeito gratuíto. A iniciativa, posta en marcha por Mada Producións e o Pazo do Faramello, conta co financiamento do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 e “é unha das que máis nos interesou de todas as presentadas, xa que reúne diversas facetas nas que Galicia destaca”, en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Á presentación do proxecto, que se celebrou na Horta do Obradoiro, entidade colaboradora, asistiron o cociñeiro deste restaurante compostelán Kike Piñeiro, o alcalde do Concello de Rois, Ramón Tojo, a representante de Mada Producións, Inés Portela, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o pianista e concertista da Edición Limitada 2020, Manuel Gutiérrez.
A sesión inaugural, do vindeiro venres día 4, correrá a cargo do pianista Manuel Gutiérrez ás 19 horas cunha visita guiada ao dito Pazo prevista para as 18 horas. A seguinte cita terá lugar o domingo 20 de setembro por partida dobre. Pola mañá, ás 11 horas, poderase realizar unha visita ao Pazo para, ás 12, participar nun obradoiro de cociña impartido polos cociñeiros da Horta do Obradoiro Kike Piñeiro e Eloy Cancela. Xa á tarde, ás 18, de novo visita ao Pazo para ás 19 poder asistir ao concerto acústico de Germán Díaz e Benxamín Otero. Xa o domingo 27, ás 11, celebrarse unha visita guiada ao Pazo, de novo obradoiro de cociña ás 12 para, pola tarde, poder gozar co concerto acústico de Faia ás 19 horas coa visita prevista para as 18.
Os concertos gravaranse con multicámara para poder emitilos online posteriormente.
Non será así nos obradoiros, “pero si van facilitar as receitas”, explicou Inés Portela.
Para poder asistir ás ditas programacións, é necesario escribir un correo electrónico a inesportela@madapro.gal ou chamar ao teléfono 690-195-217.