fbpx

Día do Patrimonio 2020

Cuando:
16 noviembre, 2020 a las 8:00 pm – 9:00 pm
2020-11-16T20:00:00+01:00
2020-11-16T21:00:00+01:00
Donde:
Online

Con motivo da celebración do Día do Patrimonio máis de cen entidades mobilizaranse na rede para dar visibilidade ó seu compromiso co patrimonio galego.

Dende o ano 2017 as entidades adheridas á Rede do Patrimonio enchen o mapa de Galicia con actividades, roteiros, conferencias, visitas guiadas e moitas outras actividades.

Con todo, a situación sanitaria actual tamén implica un cambio no xeito de celebrar unha data que vén sendo destacada na reivindicación do patrimonio cultural galego, a súa defensa e posta en valor. Deste xeito, conscientes de que a prioridade é a saúde de todos e todas, a Rede do Patrimonio mudou as súas accións por un ciclo de videoconferencias públicas e por diversas actividades en liña orientadas ó intercambio de información e á formación no eido patrimonial.

Cómpre lembrar que o grave contexto sanitario non evitou que se sigan producindo ataques e agresións que evidencian, máis que nunca, a necesidade do traballo real e comprometido das asociacións culturais que velan pola defensa do patrimonio de Galicia.

Dende a Rede do Patrimonio seguen insistindo na necesidade de levar a cabo políticas concretas que se traduzan nun reordenamento do territorio, en sancións máis graves ante as agresións e nun plan de educación en valores patrimoniais que garantan a supervivencia dunha riqueza que nos identifica como un pobo dotado dunha longa e rica historia.

Actividades previstas

16 de novembro ás 20.00h: Xurxo Ayán – «Arqueoloxía nova que se chama Ribeira». Modera Pilar Sánchez Monje (Asociación O Sorriso de Daniel).

19 de novembro ás 20.00h: Rafael Quintía – «O valor do patrimonio inmaterial e a súa relación co patrimonio material e natural». Modera Emi Cagiao Sánchez (Asociación Entroido de Samede).

26 de novembro ás 20.00h: Celtia Rodríguez – «Campesiñas e loitadoras. Unha visión dende a Arqueoloxía de Xénero». Modera Soledad Felloza (PatrimonioGalego.Net).

A estas conferencias súmanse a realización de diferentes charlas, exposicións, presentacións de libros, vídeos de recollida de tradición oral, difusión do patrimonio local, a campaña a prol da declaración da casa de Carvalho Calero como BIC e outras actividades levadas a cabo por diferentes entidades como a Asociación de Alfombristas de Galicia, Asociación Monte Pituco, Mariña Patrimonio, O Baixo Ulla, O Suído, Asociación Batistales, Buxa Patrimonio Industrial, Petón do Lobo, Asociación Cultural Ponte…nas Ondas, Asociación Cova Crea, Asociación Ferrol Terra Antiga… entre outras.

Encontro Pecha Kucha

O día 30 de novembro celebrarase en Encontro «Pecha Kucha» no que as entidades poñerán en común proxectos e metodoloxías de acción realizados ó longo dos últimos anos. Neste 2020 celébrase o décimo aniversario da fundación de varias das entidades da Rede que reflicten a diversidade do asociacionismo do patrimonio cultural galego: 10 anos de O Sorriso de Daniel, Monte Pindo Parque Natural, Asociación Monte Pituco, PatrimonioGalego.net; 12 anos de Mariña Patrimonio; 15 de Roxin Roxal; 25 de Ponte nas Ondas; 42 de Adega…

As actividades poderanse seguir no facebook da Rede do Patrimonio e na de youtube de Roxin Roxal.