fbpx

Delas Fest

When:
6 Xuño, 2022 – 21 Xuño, 2022 all-day
2022-06-06T00:00:00+02:00
2022-06-22T00:00:00+02:00

O primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, o Delas Fest, volve erguer os pinceis. Entre o 6 e o 21 de xuño, o proxecto organizado por 7H Cooperativa Cultural, celebra na comarca de Compostela a súa cuarta edición coa reivindicación da igualdade, a democratización da expresión artística no espazo público e o apego ao territorio como sinais de identidade.

Consolidado como unha das citas de referencia no circuíto galego grazas ao apoio da Deputación da Coruña e dos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión, ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Gadis e ALRO Maquinaria, así como á colaboración de Cafés Candelas, Fogar do Santiso e Daveiga, o festival continúa a apostar pola visibilización e dignificación do traballo das artistas urbanas fronte á discriminación e estereotipos de xénero aínda existentes no sector.

Co espírito intacto, este ano o proxecto presenta un novidoso formato. Trala edición inaugural, desenvolta nunha única semana, e as edicións de 2020 e 2021, realizadas ao longo dun mes, este ano a proposta tenta combinar o mellor de ambas as dúas experiencias para dotar dunha nova configuración á programación. As actividades, que volverán estar integradas por catro intervencións artísticas, obradoiros de creación e xuntanzas de convivencia entre veciñanza e creadoras, realizaranse en simultáneo en dous municipios á vez.

Catro novos murais de gran formato
O cartel, novamente integrado unicamente por mulleres que desenvolven o seu traballo na rúa desde unha perspectiva feminista, combina a presenza de artistas galegas con nomes do panorama estatal e internacional.

As encargadas de realizar as obras de gran formato este ano son a muralista e artista plástica portuguesa Mariana Duarte Santos (Lisboa, 1995), quen pintará no barrio de Amio, en Compostela, entre o 7 e o 12 de xuño; a artista visual uruguaia Cecilia Rodríguez Oddone (Paysandú, 1982), coñecida como Ceciro, quen creará unha peza na antiga escola unitaria de Firmistáns, en Ames, entre o 9 e o 14 de xuño; a muralista vasca Udane Juaristi (Azkoitia, 1985), coñecida como Udatxo, quen levará a arte urbana á Casa Común de Francos, en Teo, entre o 14 e o 19 de xuño; e a artista urbana galega Nana (Santiago de Compostela, 1983), quen creará unha peza na Piscina Municipal de Brión entre o 16 e o 21 de xuño.

Para definir as temáticas e enfoques das súas obras, as convidadas contan coa colaboración da comunidade, que volverá ter un rol destacado nos procesos creativos. A través da convocatoria Anfitriónate!, a veciñanza ten a oportunidade de coñecer ás artistas e de trasladarlles información, coñecementos e vivencias que inspiren as súas intervencións, converténdoas en reflexo da identidade e a idiosincrasia do territorio que as acolle.

Actividades de creación para diferentes públicos
De forma paralela ás intervencións de gran formato, o festival ofrece ás veciñas dos concellos participantes a posibilidade de experimentar, adquirir e perfeccionar técnicas e habilidades a través de tres obradoiros gratuítos de pintura mural dirixidos por artistas profesionais. A guardesa Tamara Baz Alonso (1985) impartirá un taller de muralismo con spray para público especializado en Compostela o sábado 11 de xuño, a equipa de 7H Cooperativa Cultural encargarase do obradoiro de iniciación nesta técnica, que se celebrará no concello de Ames o domingo 12, e a artista visual uruguaia Fitz Licuado (1986) dirixirá o obradoiro de muralismo con pintura plástica para artistas e estudantes de arte, que se celebrara en Teo, o 18 e o 19 de xuño.

Estrea do documental Street Heroines
Grazas á colaboración de Montana Colors, fábrica catalá de pintura en spray patrocinadora do festival, Compostela acollerá a estrea en Galicia da longametraxe documental Street Heroines, dirixido pola realizadora norteamericana Alexandra Henry. O filme, gañador do Premio do Xurado ao Mellor Documental no Festival de Cine de Portland, entre outros galardóns, celebra o valor das mulleres que, malia o sexismo e a falta de recoñecemento, formaron parte do movemento do graffiti e da arte urbana desde os seus comezos. A proxección e posterior coloquio coa directora terá lugar o 20 de xuño no Auditorio de Galicia con entrada de balde.

*Información de datas, horarios e localizacións de cada unha das actividades en /https://7hcoop.gal/delas-fest-22 e 7hcoop@7hcoop.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.