Concerto de Tribalistas

Cuando:
26 octubre, 2018 a las 9:00 pm – 11:00 pm
2018-10-26T21:00:00+02:00
2018-10-26T23:00:00+02:00
Donde:
Multiusos Fontes do Sar

O Multiúsos de Sar será escenario o 26 de outubro dun dos tres concertos que Tribalistas ofrecerá en España dentro da súa xira europea. O trío formado por Marisa Monte, Arnaldo Antunes e Carlinhos Brown vai iniciar unha xira de trece concertos por Europa, un ano despois de volver xuntarse e quince anos despois de venderen tres millóns de discos.

A música de Tribalistas tivo alcance mundial, e alá por 2003 medio planeta cantaruxaba o tema “Ja sei namorar”. A xuntanza excepcional de tres grandes como Monte, Antunes e Brown xurdiu de casualidade logo de que Marisa fose colaborar no disco de Arnaldo do que Carlinhos era produtor. Alí saltou a chispa, que só deu como froito un disco homónimo publicado en 2002. Nunca se presentaron e nunca fixeron unha xira grande, pero venderon máis de tres millóns de discos en todo o mundo e tiveron cinco nomeamentos aos Grammy Latinos.

No pasado verán publicaron este agardadísimo segundo disco, sen título coma o primeiro, publicado por Universal Music e en plataformas dixitais por Altafonte. Nel tamén participa en tres temas a cantora portuguesa Carminho. A xira de presentación comeza o 28 de xullo en Brasil, onde están previstos oito concertos. Despois, Tribalistas viaxarán a Europa para visitar, ademais de Compostela, Lisboa, Porto, Barcelona, Madrid, Londres, Hamburgo, Basilea, París, Milán e Roma.

Nesta xira tamén tocarán temas do seu primeiro disco, que se converteron en hits a nivel mundial, como “Passe em casa”, “Velha infância” ou “Já sei namorar”. O espectáculo está dirixido por eles mesmos, xunto con Leonardo Netto. Forman parte da banda Dadi Carvalho (baixo, guitarra eléctrica, mandolina e teclados), Pedro Baby (guitarra acústica e eléctrica), Pretinho da Serrinha (cavaquinho) e Marcelo Costa (percusións).