O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura a nova temporada de actividade pública no Salón Teatro de Santiago coa estrea do espectáculo Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena,que coproduce coa compañía Pistacatro Produtora de Soños.
Quico Cadaval regresa ao Salón Teatro como director de Arnoia Arnoia, que combina teatro e circo para levar ás táboas a coñecida novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín, incluída na listaxe de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Neste escenario poderá verse do 11 ata o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábados, ás 20,30 h., os domingos, ás 18,00 h., e pases matinais concertados con centros escolares do martes 16 ao xoves 18, ás 11,00 h.
Os espectadores interesados en afondar no proceso de creación e posta en escena desta nova peza de Pistacatro terán, ademais, a oportunidade de conversar ao respecto co equipo artístico no encontro que se desenvolverá ao finalizar a función de tarde do xoves 18. O espectáculo está recomendado para todos os públicos, a partir dos 10 anos de idade.