A paisaxe e a súa pegada

Cuando:
11 julio, 2019 – 30 septiembre, 2019 todo el día
2019-07-11T00:00:00+02:00
2019-10-01T00:00:00+02:00
Donde:
A Casa do Cabido

“A paisaxe e a súa pegada I” é a primeira parte dunha exposición que terá continuidade cunha segunda mostra que arrancará nos últimos meses do ano. Trátase da visión que catro fotógrafos teñen da paisaxe ligada a Compostela como meta e ao Camiño de Santiago: Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz.

Nas súas intervencións os fotógrafos Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viznon se deteñen unicamente na parte máis descritiva do territorio, senón que achegan o rumbo creativo da fotografía con recursos expresivos, enfoques e fusión de técnicas que fan visible o invisible. Os relatos fotográficos rastrexan a atemporalidade da luz sobre o horizonte, a fraxilidade dunha flor ou o latexo do silencio nun bosque, salientan a beleza e potencia da pedra en Compostela ou fabulan con total liberdade coa contorna, imaxinando escenarios máxicos que vulneran as leis da propia realidade.

Ademais, xogando coa transversalidade da arte, fotografía e poesía fúndense nunha aventura común. Así, os versos de Antonio Gamoneda, Pura Vázquez, Olalla Cociña e Rafa Vilar ispen a vida deses momentos vitais que están máis aló da cámara.

Esta mostra terá una segunda parte de outubro a decembro baixo o título A paisaxe e a súa pegada II. Nesta ocasión participarán os fotógrafos Xoán Soler, Andrea Costas, Eva Díez e Denís Estévez. Cada un deles ofrecerá a súa visión particular da paisaxe do Camiño de Santiago e da cidade. 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata o vindeiro mes de outubro. Poderávisitarse de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.