fbpx

XVIII Curtocircuíto

When:
2 Outubro, 2021 – 10 Outubro, 2021 all-day
2021-10-02T00:00:00+02:00
2021-10-11T00:00:00+02:00
Where:
Santiago de Compostela

Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine, que se celebra entre os próximos 2 e 10 de outubro en Santiago de Compostela, adianta a súa programación musical completa e as primeiras confirmacións da súa programación cinematográfica.

O festival mantén como eixos o cinema de autor e as linguaxes contemporáneas. A programación interdisciplinaria aposta este ano por concertos e espectáculos de artes visuais creados á marxe da industria, dando unha especial atención á creación underground. Contará cos concertos de Somos la Herencia con visuais de espírituescalera, e Vera Fauna, un dos grupos revelación do pop español deste ano que recibe a herdanza do rock andaluz dos anos 80 e o leva a un lugar máis psicodélico. Tamén inclúe propostas que combinan o traballo de artistas sonoros e visuais como Severine Beata & Loopitas; Cruhda xunto a Adataberna; e Óscar Martín; a proposta que combina ambient e dark ambient de Ivankovà; e artistas que recuperan a tradición, levándoa a lugares insospeitados, como os galegos Crnds & Álvaro Chior & Fransy González; Artur M Puga; e a proposta en eúscaro de Verde Prato.

No marco dos contidos de cinema galego, a sección Terra rende homenaxe este ano á artista ourensá Enar de Dios. A súa obra, que transita entre o traballo museístico e expositivo e o ensaio, dialogará con obras de directores internacionais como Michael Snow, Ana Vaz ou Louis Henderson sobre temas como a etnografía, a circulación da cultura ou a exploración do poético e político.

A sección competitiva Planeta GZ reúne nesta edición doce películas que abordan a identidade desde a perspectiva dunha mocidade pandémica ou as feridas marcadas por un pasado aínda non superado. Combina a participación de nomes novos como Carlos Iglesias Losada e Alejandra Pombo; a canteira de novas creadoras como Antía Carreira, Ariadna Cordal García, e Ángel Montero Vázquez; e directores xa coñecidos na familia Curtocircuíto como Alberto Vázquez, Eloy Domínguez, Berio Molina, Brandán Cerviño, Judith Adataberna, Borja Santomé, Dani Cornes ou Xacio Baño.

Pola súa banda, Supernova, a sección que dá cabida a traballos de novísimos creadores e creadoras, presenta unha selección de nove pezas que transitan diferentes formas e camiños para falar sobre a identidade, o futuro ou o amor desde ópticas como a ciencia ficción, o documental DIY ou o drama social. Repiten creadoras como Sol Mussa ou Ariadna Silva Fernández e súmanse nomes novos como Noemí Parga, Nadia Sniba, Aaron Vilariño, Martín Caínzos, Miguel Gómez, Ester G. Mera ou Marcos Montiel.

Un deporte e un festival que exploran territorios descoñecidos

A serie de carteis que compón a imaxe da XVIII edición de Curtocirtuíto está inspirada no ARDF, un deporte minoritario que, do mesmo xeito que o festival, consiste en explorar territorios descoñecidos, é apto para todos os xéneros e idades e está baseado en recibir sinais máis aló do que os ollos poden ver.

ARDF é o acrónimo de Amateur Radio Direction Finding, un deporte recreativo que se practica eminentemente nos Países Nórdicos, Europa Oriental, Rusia e China, e que se podería traducir como “orientación por radio”. Consiste nunha carreira cronometrada na que participantes individuais utilizan un mapa topográfico, un compás magnético e aparellos de radiogoniometría para navegar por terreos boscosos. A través das antenas que levan consigo, os corredores reciben sinais de radio que portan sons e mensaxes secretos que lles orientarán ata cubrir o percorrido completo no menor tempo posible.

“O ARDF aglutina moitos dos valores e ideas que en cada edición dan forma á nosa programación, como é a vocación pola exploración dos territorios descoñecidos e o noso interese na ciencia, a arte sonora e as tecnoloxías analóxicas”, afirma o director artístico do festival Pela del Álamo.