Un hotel de primeira sobre o río
Un diálogo entre o texto orixinal da autora co teatro do movemento, a danza, a música e as artes visuais. Así se define de partida o novo espectáculo de produción propia do Centro Dramático Galego que estará en carteleira na cidade durante todo o mes.
Despois do desafío de representar ‘Shakespeare en Roma’ no Pazo de Fonseca, a compañía teatral da Xunta de Galicia retorna ao seu escenario da rúa Nova coa totalidade de funcións inclusivas desta nova proposta baixo a dirección escénica e dramaturxia conxuntas de Gonçalo Guerreiro e María Torres.
Cunha coidada composición estética e unha rigorosa investigación sobre textos e imaxes, a peza convídanos a abordar diferentes xeitos de vivir no rural e a cuestionar a xestión dos recursos naturais.
A especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigo son algúns dos temas arredor dos que xira Un hotel de primeira sobre o río a través da personaxe de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico e sofre a presión para que abandone o seu fogar e as súas raíces.
Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, NicolásOtero, Merche Pérez, Pablo Sánchez e Lidia Veiga son os actores e actrices cos que cobra vida a historia que aborda de cheo unha temática de totalactualidade: a relación entre preservar a tradición fronte ao moitas veces mal chamado progreso.
Outros membros do equipo artístico son Carolina Díguele no vestiario e produción de arte, Manuel Fonte Loureiro na composición musical e Nacho Martín na iluminación. María Torres asina ademais a autoría dos textos complementarios e Gonçalo Guerreiro a escenografía.
Coa estrea de Un hotel de primeira sobre o río, peza que recibiu o Premio Castelao en 1968, o Centro Dramático Galego retorna á nosa dramaturxia clásica co teatro escrito por unha das figuras transcendentais da literatura galega como é XohanaTorres.
Cando: do 31 de marzo ao 30 de abril (mércores e domingo ás 18,00 h; xoves, venres e sábado ás 20,00 h)
Entradas á venda en www.ataquilla.com e no despacho de billetes do Salón Teatro os días de función