fbpx

Festa do Banquete

When:
29 Maio, 2022 all-day
2022-05-29T00:00:00+02:00
2022-05-30T00:00:00+02:00
Where:
Conxo - Santiago

Por mor da previsión meteorolóxica para este domingo 22 de maio, anúlanse as actividades da Festa do Banquete que estaban programadas na Carballeira de Conxo. Todos os actos e a romaría trasladaranse ao vindeiro domingo, 29 de maio.

Cartel da Festa do Banquete.

O tren turístico que cobre o percorrido entre a Alameda e o barrio de Conxo tampouco prestará este servizo este domingo 22 de maio, aínda que se mantén o sábado.

O Mercado do Libro e da Artesanía e as actividades programadas na praza de Aurelio Aguirre manteranse ao longo da xornada do domingo, como estaba previsto.

Actos ANULADOS o domingo 22 de maio

11.00 h Alá van estudantes e artesáns. Desfile teatral desde o centro de Santiago (inicio na praza do Toural) ata Conxo.

12.45 h Pregón da Festa do Banquete. A cargo de María Dolores Domínguez Santos (Madó) do Castiñeiriño e Iria Portos Conde de Laraño. Praza de Conxo.

13.00 h Baixamos ao bosque do Banquete. Continuación do desfile teatral ata a Carballeira de Conxo.

13.30 h Concerto da Banda Municipal de Música de Santiago. Carballeira de Conxo.

14.15 h Recreación teatral do Banquete de Conxo. Os Quinquilláns. Carballeira de Conxo.

15.00 h Xantar e romaría popular, con brindes de veciñas e veciños. Carballeira de Conxo.

17.00 h O Serán da Fraternidade. Foliada de música tradicional con Os Fondaos do Pífaro e Muiñeiros do Sarela. Carballeira de Conxo.

19.30 h Despedida da Festa do Banquete 2022 e convite á seguinte edición.

Actos QUE SE MANTEÑEN o domingo 22 de maio

Mercado do libro e da artesanía (de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30 h)

12.00 h Libraría Aenea – Charla coa autora María Eiras e demostración de ilustración sobre o libro En el nombre de la madre. Creación y Luz, de Luís Rodríguez Cao.

17.30 h Ed. Ir Indo – Presentación do libro Florencio Delgado Gurriarán, de Tania Pérez e Xosé Ramón Campos.

18.00 h Ed. Fervenza – Presentación dos libros Os Balbinos e Cen pezas do traxe do Val da Ulla.

18.30 h Ed. Fervenza – Presentación dos libros Re-Encontros musicais. Homenaxe aos músicos xubilados da BMSC (1993-2021) e Nas rúas de Compostela.

19.00 h Ed. Ir Indo – Presentación do libro Pepa a Loba, de Xosé Lois Ripalda.

20.00 h Chocolatada.

20.30 h Concerto de peche: OS D’ABAIXO.

Como podes participar?

A participación da veciñanza poderá artellarse de múltiples formas:

1- Podes sumarte ao desfile teatral de estudantes e artesáns do domingo 22 de maio da Praza do Toural a Conxo.

2- O domingo 22 de maio haberá un Serán da Fraternidade aberto á música e ao baile tradicional ao que podes acudir co teu grupo de música ou baile.

Para calquera desas opcións contacta co Centro Sociocultural de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

3- Na romaría popular vestíndote de época para a Festa do Banquete ou xantando na carballeira a comida que traias da casa ou merques nos foodtrucks que atoparás na Rúa Ramón Baltar.

Actividades para os máis novos
O programa de activades das Festas arrancará o venres ás 11:00 coa representación teatral de “O Pequeno Banquete” a cargo de Os Quinquilláns e o alumnado dos centros CEIP Quiroga Palacios, IES Arcebispo Xelmírez II e CPR Santa Apolonia. Arredor de 450 alumnos achegaranse á Carballeira para participar ou asistir á esta peza teatral, que dará paso a continuación ao concerto da cantante galega Wöyza.

O mesmo venres pola tarde terá lugar a xincana familiar “Coñéceo máis” polo Bosque do Banquete de Conxo, cuxa inscrición é posible a ata completar aforo.

Ademais, os brindes gañadores do o I Certame de Brindes Poéticos “Banquete de Conxo”, dirixido ao alumnado de primaria, secundaria e bacharelato da cidade, e organizado polo Departamento de Educación, serán lidos o domingo 22 na Festa do Banquete.

Temáticas variadas
Durante os tres días todas as persoas interesadas terán a oportunidade de participar nun amplo abanico de actividades lúdicas e formativas. O venres 20 pola tarde, impartiranse dous obradoiros, un adicado ao baile tradicional, sen inscrición previa; e outro aos tradionais Cantos de Taberna, cun posterior percorrido que se iniciará Hospital Psiquiátrico de Conxo e continuará nos bares do barrio.

Co fin de coñecer máis en profundidad a contorna onde se desenvolveu o Banquete, o sábado ás 10:00 horas terá lugar a actividade inmersiva “Baños do Bosque” con previa inscrición a través do correo electrónico bosque@santiagodecompostela.gal. Tamén ás 12:00 e 12:30 horas, Quique Alvarellos e Susana Domínguez guiarán dous roteiros sobre a historia do Banquete de Conxo, con posibilidade de seguilo en galego, castelán ou inglés e con inscrición previa.

Xa na tarde do sábado, o CSC Aurelio Aguirre de Conxo acollerá a mesa redonda “A guerra en Ucraína e a paz”, conducida pola xornalista Nuria López, na que intervirán Miguel Cabo Villaverde, profesor de Historia Contemporánea da USC, Marcos Márquez, analista internacional, e representantes de AGA Ucraína e a Plataforma Galiza Pola Paz.

O programa completarase cun Concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo xunto coa Coral Amigos do Castiñeiriño, o Coro de Habaneras Rocha Forte e o Coro Crecente na Escalinata do Hospital Psiquiátrico de Conxo ás 19:00 e a “A Festa da Poesía”, que será conducido por Marga Tojo e contará coa participación musical de Bratzantifa, Hugo Guezeta, Su Garrido Pombo e as poetas Nuria Vil, Carlos da Aira, Mariña Maceiras, e que terá lugar na Praza Aurelio Aguirre ás 20:30 horas.

3º Mercado do Libro e da Artesanía
A praza Aurelio Aguirre acollerá os días 21 e 22 de maio, o Mercado do Libro e da Artesanía que poderá visitarse en horario de mañá e de tarde.

Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá 20 expositores dos sectores do libro e da artesanía así como mostras de xogos populares, presentacións de libros, recitais poéticos e actuacións musicais.

Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo
Entre o 14 e o 22 de maio, ao longo do traxecto de baixada do desfile ao Banquete de Conxo, entre a praza de Cervantes e o Bosque do Banquete de Conxo, os viandantes poderán desfrutar da exposición “Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo” que pretende difundir a arte figurativa ao mesmo tempo que se fai un recoñecemento aos protagonistas do Banquete de Conxo.

Tren do Banquete de Conxo
O sábado e domingo, veciños e visitantes poderán tamén desfrutar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.

Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda e chegarán ata o barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. As horas de saída desde a Alameda serán a cada hora en punto desde as 11:00 h ata ás 20:00 h o sábado e o domingo, e desde a praza do Mosteiro de Conxo de 11:30 a 20:30 o sábado, e de 10:30 a 19:45 o domingo.